Os que leven o seu dorsal da proba atlética ás taquillas do Couto terán a entrada ao partido a 2 euros. Os socios e abonados, coma sempre, entrarán de balde.

A Unión Deportiva xoga este domingo 15 de novembro ás 16.15 horas no estadio do Couto contra o Coles. O rival dos unionistas son décimos sextos con 8 puntos e o seu obxectivo nesta Liga é a salvación.

A Unión Deportiva Ourense premia, neste partido, a todos os que participen na Carreira Popular do San Martiño.
Os corredores poderán entrar ao estadio do Couto este domingo para ver o partido da UD contra o Coles por tan só dous euros (en lugar dos cinco habituais). Só teñen que achegarse ás taquillas do estadio e presentar o dorsal. Con esta iniciativa emulan ao desaparecido Club Deportivo Ourense.
Nos prolegómenos do encontro rendiráselle homenaxe a Martín Gómez, xogador do infantil unionista que recibe este merecido tributo pola súa participación no pasado Mundial de xadrez por idades celebrado en Grecia.
Así, o xogador chegará arroupado ao céspede do campo dos seus compeñeiros do equipo infantil, e será el o que realice o saque de honra.

Trato
Desde a directiva da Unión Deportiva Ourense non perderon a ocasión de volver lamentarse polo “trato discriminatorio” que están a sufrir por parte das administracións públicas. O presidente da entidade critica que “mentres nós pedimos reunións, os concelleiros e o alcalde de Ourense están a bailar e cantar con outros nun magosto”. O directivo Damián Domínguez, pola súa banda, queixábase de que o máis grave é a situación das xogadoras da UD Ourense, que non teñen onde adestrar e “non recibimos contestación por parte da concelleira de Igualdade para manter unha reunión”.

Galicia F7 Cup
Noutro orde de cousas, a UD Ourense vén de recibir un cheque de 700 euros como parte do convenio coa liga de fútbol 7 Galicia F7 cup, que se comprometu a ceder 100 euros á UD  por cada equipo inscrito na súa competeción.
A Galicia F7 Cup instaurouse esta tempada en Ourense, logo de existir na Coruña e Vigo.