A Comisión de Transparencia negou a posibilidade de incluír a moción de urxencia presentada polo deputado nacionalista no vindeiro pleno.
O BNG rexistrou este mércores, antes da celebración da Comisión Informativa de Transparencia e Administración Provincial, unha moción de urxencia sobre a denuncia contra Baltar, para debater no vindeiro pleno da Deputación. Na moción explicábase que en “en aras á credibilidade, transparencia, as boas prácticas, a honorabilidade de quen ostenta a Presidencia da Deputación e dada a negativa do presidente, que xa deixou patente que non ten intención alguna de facelo, solicitamos que o Pleno da Deputación, inste á Consellería de Igualdadade a abrir de inmediato unha investigación sobre o incumprimento da lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no referido ao exercicio do seu cargo por parte do presidente da Deputación de Ourense”.
A moción foi abordada na comisión informativa, onde o PP vetou a posibilidade de debatir sobre este asunto no pleno, votando en contra da urxencia desta moción, sinalan os nacionalistas. “É curioso que nunha Comisión que se chama de Transparencia se furte a posibilidade de que exista transparencia, negando e vetando calquera tipo de debate a respecto dunha cuestión que ten escandalizada á Provincia, ao País e ao resto do Estado”, apuntan desde o Bloque. “Coa súa atitude cicateira e cobarde o PP faille o traballo suxo a Baltar impedindo que os cidadáns e cidadás de Ourense poidan ter unha explicación clara é críbel do acontecido días atrás”. Para o BNG este feito supón, “ademais dun golpe á democracia, a conculcación dun acordo non escrito que se leva practicando nesta deputación durante 30 anos, no que ten a ver coas iniciativas que presentan os distintos grupos”.
O BNG anuncia que diante deste “enésimo atropello á democracia”, estudará «todas as formulas e vias institucionais posibles para que a cidadanìa poida ter as explicacións necesarias acerca deste asunto que lonxe de ter ningún carácter persoal, afecta ao uso dos cargos e institucions publicas por parte do señor Baltar”.