O candidato ao Congreso David Bruzos subliñou a diversidade e a pluralidade de En Marea para lograr “xuntas un país de todas e para todos”.
Este venres tivo lugar a presentación da candidatura pola circunscrición de Ourense de En Marea para as eleccións a Cortes Xerais do 20 de decembro. No acto, que se desenvolveu nos Xardíns do Padre Feixoo, interviron Carlos Lorenzo Simón, candidato número 4 ao Congreso; Carme Docampo Paradela, candidata número 3; Sofía Díaz Gómez, candidata número 2; e David Bruzos Higuero, candidato número 1.
O candidato número 1, David Bruzos, sinalou que En Marea está “aquí para dar un paso máis nun proceso de cambio que acontece cada día”, un proceso “que consiste en poñer as institucións ao servizo do ben común”. Tamén puxo de manifesto a diversidade e a pluralidade de En Marea para lograr “xuntas un país de todas e para todas”.
Pola súa banda, Sofía Díaz, candidata número 2, subliñou que En Marea apostamos pola implicación dunha cidadanía activa ourensá, que loite contra a corrupción e o caciquismo como forma de goberno e non queira caer nas súas redes clientelares.
Para rematar, Carme Docampo Paradela, candidata número 3, fixo fincapé na importancia de “erradicar as políticas do caciquismo. “Querémonos liberar do baltarismo e das prácticas polas que é coñecida a política nesta provincia ourensá”, concluíu.