O informe da secretaría conclúe que é nulo ao non reunir as características propias dunha concesión.

O grupo municipal do Partido Popular vén de esixir ao alcalde  de Trives a revisión de oficio do convenio subscrito coa empresa Repsol Butano, co fin de determinar a súa nulidade tal e como sinala nun informe a secretaría de intervención do propio Concello.

O voceiro popular en Trives, Jesús Prieto Pérez, explicou que o convenio ten como finalidade a instalación do subministro de gas propano ao municipio por canalización, pero o informe da secretaría conclúe que é nulo ao non reunir as características propias dunha concesión, única vía posible para establecer o uso privativo dun ben de dominio público.

Prieto Pérez engadiu que o mesmo informe determina que debería incoarse un expediente de reposición de legalidade, xa que as obras que se están a executar non contan coa licencia urbanística esixida pola Lei de Ordenación Urbanística de Galicia.

O voceiro popular advirte que que de non tomarse en consideración o escrito adoptarán as medidas que estimen oportunas.