A Consellería de Economía, Emprego e Industria leva esta semana a aula móbil do programa de Garantía Xuvenil ata a cidade de Ourense.
Esta aula, que se ubicará no campus universitario, ofrecerá aos mozos e mozas da cidade toda a información precisa sobre este plan. Estará aberta os días 23, 24 e 25 de novembro en horario de 12.00 a 20.00 horas.
Ademais, de xeito paralelo, continúan celebrándose charlas informativas por numerosos concellos. Este mércores, haberá dúas sesións en dous concellos próximos á capital da provincia ourensá. Ás 11.30 horas, a Casa da Xuventude da Valenzá, emprazada no Parque da Solaina, acolle a primeira das charlas. Máis tarde, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Pereiro de Aguiar terá lugar a segunda das sesións.
O obxectivo da Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados. Está dirixido a mozos e mozas residentes en Galicia e que no momento de realizar a súa inscrición teñan entre 16 e 29 anos.
Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.
Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.