Pleno de Barbadás

O bipartito sacou adiante a aprobación inicial dunhas contas que crecen en 700.000 euros grazas ao apoio de Compromiso por Barbadás, Democracia Ourensana abstívose e o PP votou en contra.

 

O goberno bipartito de Barbadás aproba os seus primeiros orzamentos co apoio do único edil de Compromiso de Galicia. As contas foron aprobadas nun pleno extraordinario este luns, e contaron coa abstención de Democracia Ourensana e o voto en contra do Partido Popular. Os orzamentos crecen en 716.550 euros ata os 6.206.204 euros. O gasto corrente é a maior partida, con 2,9 millóns (455.444 euros máis que en 2015); seguido do gasto en persoal, con 2,7 millóns (375.000 euros que o último orzamento popular). para investimentos reais resérvanse260.500 euros, 87.000 euros que neste ano.

O crecemento das contas é posible, explicou o concelleiro de Facenda, Xosé Manoel Fírvida, débese a unha maior previsión de ingresos nos impostos como o IBI ou o ICIO, na participación nos tributos do Estado e nas transferencias da Xunta. O nacionalista defendeu o incremento do gasto en persoal, pois se incorporan novos postos de traballo (un policía, seis peóns, un tesoureiro, unha praza de administrativo, outra de Igualdade e outra de Normalización Lingüística). “Moitas actividades que estaban externalizadas vanas realizar os propios traballadores do Concello”, explicou. E aínda que o aumento das inversión é só de 86.000 euros, explicou que moitas obras poderanse facer directamente grazas aos seis novos peóns na plantilla.

Xosé Manoel Fírvida recoñeceu que os primeiros presupostos do bipartito son “herdeiros de 28 anos de goberno do PP” o que condicionou que se puideran facer cambios “a curto prazo”, pero si houbo un cambio nos “obxectivos e prioridades: o cemento polas necesidades das persoas”. Nesa liña, o alcalde, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, salientou que “todo o que fixeron (o PP) é imposible cambialo en seis meses” pero destacou que as contas “queren ser un revulsivo para Barbadás”. “Son os presupostos dun goberno progresista, transparentes e que benefician a toda a cidadanía”, engadiu. En concreto, o rexedor destacou que as axudas a asociacións veciñais serán por primeira vez en réxime de concorrencia competitiva.

Valoracións
Ramón Padrón, concelleiro de Compromiso por Barbadás que xa votara a favor da investidura do goberno socialista-nacionalista, considerou “xusto” apoiar uns orzamentos que tiveron en conta parte das súas propostas, e amosouse “confiado” en que se executen “co maior éxito”, para o que estará vixiante dentro do seu labor de oposición.

A voceira de Democracia Ourensana, Fina Varelas, foi crítica con algunhas partidas concretas, por escasas, como os 2.000 euros para a atención de animais, ou os 17.000 euros para promoción económica: “é o mesmo que non ter nada”, ou por excesivas, como a partida de Deportes (que suma o 10% do orzamento). Doutra banda, amosouse “bastante satisfeita” coas partidas de protección social. Varelas aproveitou para pedir unha campaña de empadroamento para conseguir novos ingresos para o municipio, proposta que foi ben acollida polo Goberno local. DO abstívose na votación.

O grupo máis crítico cos orzamentos e único que votou en contra foi o PP. A súa portavoz, Chelo Vispo, acusou a socialistas e nacionalistas de “demagogia a la hora de criticar durante 28 años al PP”, pois “lo que ustedes han criticado durante tantos años, ahora mismo lo están haciendo, o peor”, dixo. Unha xestión “cero” dun Goberno local que é, ao seu xuízo, “un barco a la deriva que da tumbos con marineros que no saben navegar”. “Segunda guardería, instituto, nueva piscina… no hay nada, sólo arreglitos”, afirmou. Ademais, insistiu na idea de que foi o Bloque quen deseñou as contas, privilexiando ás concellerías que xestionan os nacionalistas. “Está seguro de que manda y que hizo los presupuestos?, preguntoulle a Valcárcel. Vispo tamén criticou o posicionamento de Ramón Padrón, por apoiar co seu voto ao bipartito; preguntándose por que “no entra en el gobierno”.

Unhas críticas que foron respostadas polo edil de Facenda: “escoitando a Chelo Vispo dá a sensación de que acaba de aterrar, e de que non ten ningunha responsabilidade, e nos acusa de cómplices da súa falta de xestión, desidia, e do seu caciquismo e clientelismo; esas prácticas quedaron desterradas deste Concello”, afirmou Fírvida.

Plan provincial de obras
Na mesma sesión, PSOE, BNG e CxB, coa abstención de DO e PP (que non consideban prioritaria a elección), aprobaron a obra que se presentará ao plan provincial, de construción dun muro de contención nun camiño real que pasa polo Fonsillón. A obra complementaria será a pavimentación do Camiño do Cruceiro en San Lourenzo de Piñor.

A corporación acordou retrasar o pleno de decembro ata final dese mes; será de carácter extraordinario.