Noa Presas

A candidata Noa Presas advirte que loitará no Congreso para que non se condene a mocidade ourensá a repetir o camiño da emigración.

 

“A nosa carta de presentación é o traballo feito. Desde 1996 Galiza estivo presente en Madrid cando a voz dos deputados e deputadas de noso se fixo escoitar a través de propostas e iniciativas”, dixo Noa Presas, a cabeza da lista ao Congreso de NÓS-Candidatura Galega pola provincia de Ourense, na presentación da candidatura este martes ante a casa de Alexandre Bóveda.

“Eu pido ao electorado galego que teña valentía, que confíe en si mesmo, que confíe en Nós”, apuntou Xesús Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista e número dous da candidatura ao Congreso, na presentación do acto.

As candidatas e candidatos de NÓS-Candidatura Galega subliñaron a importancia de ter unha representación netamente galega en Madrid. Noa Presas lembrou que “se Nós está, estará representado o país e as súas xentes, representadas na suma de vontades que facemos parte desta candidatura de país, claramente social e da que fan parte e se ven repreentadas as loitas do noso país”.

Presas insistiu en que NÓS-Candidatura Galega cree “firmemente na capacidade e riqueza de Ourense, na forza do noso pobo para inverter as tendencias do momento de urxencia nacional e social que vivimos”.

Xunto a Noa Presas e Xesús Manuel Suárez estiveron candidatas e candidatos de NÓS ao Congreso e ao Senado.