Os veciños poden escoller o seu favorito entre as 30 opcións que se presentan na Sala de Exposicións.

 

Ata o 10 de decembro estarán expostos na aula de audiovisuais da Sala de Exposicións de Verín os 30 carteis participantes no concurso do ‘Entroido 2016’ para a súa votación entre os veciño de Verín. Durante estas xornadas, poderán votar, previa presentación do DNI, o deseño que máis lles guste -outorgándolles tres, dous e un punto a tres dos carteis participantes-, o que máis votos obteña será o cartel que represente o voto popular.

Este voto popular súmase aos restantes outorgados polos outros membros do xurado cualificador, que estará conformado por un deseñador gráfico, un artista verinense, un entroideiro, un representante do mundo do deporte, a anterior gañadora do concurso do cartel e un estudoso do entroido. O voto popular, ademais de reflectir o resultado do proceso electivo no que participan os cidadáns, será o que resolva un posible empate en caso de producirse.

O premio consistirá na edición do cartel seleccionado e nunha dotación económica de 600 euros. A Sala de Exposicións está aberta de luns a venres de 17 a 21 horas e os sábados de 10 a 14 e de 17 a 20:30 horas (o teléfono é 988 41 16 14 e o correo electrónico turismo@verin.net).