Intervirán 30 efectivos de Policía Local, Protección Civil e Cruz Vermella.
Co fin de continuar coa liña en materia de seguridade e autoprotección en eventos que conten cunha gran afluencia de público asistente, a Concellería de Seguridade Cidadá, tráfico e Protección Civil do Concello de Verín prepara un dispositivo de seguridade especial para a cabalgata e a gala dos Reis Magos, que terán lugar o 5 de xaneiro.
Para evitar posibles incidentes e actuar con eficacia e rapidez ante calquera posible emerxencia, e dun xeito coordinado entre os diferentes equipos de emerxencia, elaborouse un plan de autoprotección no que se lle recomenda aos asistentes á cabalgata (que dará comezo ás 17 horas) que durante a mesma non se acheguen á carroza nin ós cabalos para evitar posibles accidentes. Ademais, o tráfico rodado irase cortando progresivamente por parte da Policía Local co avance da cabalgata.
No caso da gala de Reis, que se realizará no pavillón de Deportes, foi limitado o aforo a 2.500 persoas; a apertura de portas será ás 17:15 horas, os corredores e escaleiras deben estar sempre libres; e os nenos e adultos que saian do recinto non poderán volver entrar.
Neste dispositivo haberá uns 30 efectivos conformados por Policía Local e Protección Civil do Concello de Verín, e Cruz Vermella de Monterrei. Ditos efectivos contarán cunha ambulancia de Protección Civil cedida polo Concello de Laza para o dispositivo especial de seguridade.