O Cidade As Burgas vence no derbi ourensán da Primeira División de fútbol sala por 2 a 1 ante o Ourense Envialia.

O partido comezou co respeto mutuo de ambas escuadras. O Cidade, sabedor de que conta cunha plantilla máis curta que o Envialia decidiu ser un pouco máis conservador pero sen renunciar ao ataque. O Envialia, pola súa banda, renunciou, en parte, ao seu estilo, baixou a liña de presión considerablemente con respecto a outros partidos e iso o lastrou.

{gallery}stories/futbol/20160116_cidadeenvialia{/gallery}

O feito de que o adestrador do Ourense Envialia, Chipi, estivese sancionado na grada tamén pasoulle factura ás visitantes. O duelo nos bancos podería haber dado un plus ao partido.

As albinegras arrancaron moi temerosas de cometer algún erro e iso puido condicionalas. As franxiverdes utilizaron todas as súas armas e tiveron ocasións de cara ao marco contrario. No minuto cinco xa mandaban no marcador gracias ao gol de Iria. Tras unha serie de rechaces, a tiros de Vanessa Sotelo, a súa compañeira foi quen de batir a Vanessa Barberá.

As visitantes buscaban encontrarse cómodas na cancha e buscaban o cansanzo das rivais facendo moitos trocos. Sara Moreno e Anita eran as máis incisivas das de Chipi.

Ata o final da primeira metade o Cidade puido ampliar a renta e o Envialia puido igualar a contenda. Un balón ao pao por equipo e dous dobres penaltis fallados polo Ourense fixeron que o resultado ao final dos 20 primeiros minutos fora de 1-0.

A segunda metade continuou polos mesmos derroteiros que a primeira. Candela aos oito minutos da reanudación controla o balón e soa diante de Barberá a logra batir. 2-0 e o banco local que veía a vitoria máis preto.

As visitantes non baixaron os brazos e o seu empuxe fixo que Sara Moreno lograra recurtar distancias cun tiro raso desde fóra da área. O Envialia o tentaría ata o final, incluso co xogo de cinco nos dous últimos minutos. O marcador xa non se movería.

Con este resultado o Ourense Envialia mantén a cuarta posición con 29 puntos e o Cidade é oitavo, con 22.