As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións este mércores e xoves no Pazo Provincial, xuntanzas nas que analizarán temas de cooperación e cultura.

O xoves a comisión de cultura abordará a fixación de prezos de venda ao público das publicacións que editará a Deputación de Ourense. Por un lado, do Plan de Publicacións 2014, “A Ponte Maior de Ourense. El puente romano-medieval. La razón de ser de una ciudad”, de Juan Carlos Rivas Fernández por valor de 35 euros. E, no Plan de Publicacións 2015, “Paisajes culturales del agua”, coordinado por Ladislao Castro Pérez, Beatriz Comendador Rey, Elena de Uña-Álvarez, Fermín Pérez Losada e Susana Reboreda Morillo, por importe de 12 euros.

Outro dos temas a tratar na xuntanza será a proposta de resolución do contrato administrativo especial para a prestación do servizo da Escola de Equitación de Vilamarín asinado entre a Deputación de Ourense e a mercantil Equus-Ourense, SL.

Na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural celebrada este mércores analizouse o Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e rede viaria provincial 2016. Este Plan comprende as obras e servizos de competencia municipal e de estradas das obras dos concellos da provincia e as obras de mellora e conservación da Rede Viaria de titularidade do ente provincial. A Deputación, contempla neste Plan, unha achega por importe total de 6.751.138 euros para as obras municipais, para concellos en situación insuficiencia financeira manifesta e para a rede viaria da Deputación. Asemade elaborouse un plan comentario para dispoñer de proxectos técnicos que se executarían na medida na que existan créditos dispoñibles por anulación de obras ou baixas nas licitacións e así mesmo co fin de obter a declaración de utilidade pública naquelas actuacións que demanden a previa expropiación forzosa dos terreos necesarios para a execución delas polo que, a Deputación destina para obras municipais neste plan complementario, 4.040.000 euros e 1.070.000 euros para a rede viaria do ente provincial.

Outros dos temas da xuntanza son os programas de cooperación en materia de emprendemento e en materia de mocidade do ano 2016.