O “petardazo” e o Fareleiro deron inicio ao Entroido 2016.
Xinzo de Limia deu a benvida o pasado sábado 16 de xaneiro ao seu Entroido, cinco semanas de troula que culminarán o 14 de febreiro coa Piñata.
O programa de festexos foi presentado polo alcalde, os concelleiros de Cultura e Festexos e de Medio Ambiente, media ducia de membros da comisión, e o autor do cartel, Esteban Bernárdez.
Ricardo Sieiro, voceiro da comisión, explicou que a súa intención foi presentar “un programa o máis amplo posible que fora do agrado de todos”. O programa é fiel á tradición, mantendo todas e cada unha das citas habituais do ciclo do entroido de Xinzo. Tras o “petardazo”, o Fareleiro e o aforcamento do Meco, chega o Domingo Oleiro (coa celebración para os nenos ás 13 horas e para os maiores ás 17 horas). Esta será “a fin de semana máis tradicional do entroido, con animación de rúa con música tradicional”, remarcaba o membro da comisión.
Os días 30 e 31 de xaneiro, Noite de Corredoiro e Corredoiro, respectivamente, e xa na fin de semana grande (do 5 ao 10), Venres Infantil, Sábado de Entroido, Domingo de Entroido, Luns de Entroido, Martes de Entroido e Enterro da Sardiña, para rematar o domingo 14 de febreiro con Piñata.
Novidades
Aínda así, tamén se introducen algunhas novidades, como a apertura do desfile infantil do Venres de Entroido a todos os centros escolares da comarca, potenciando as actividades infantís previstas para esta xornada. O resto de xornadas manteñen un esquema similar ao doutros anos, con charangas todos os días a todas as horas, que realizarán diferentes percorridos polo centro da localidade que veñen marcados nos programas editados para a ocasión. Sieiro apuntou como novidoso a presenza en Xinzo dunha charanga valenciana.
O portavoz da comisión anuncia que lle darán “unha volta” ao desfile do martes de entroido, día grande da festa na vila, que recoñece que nos últimos tempos é “bastante decadente e deberíamos tratar de mellorar”. Insistiu en que debe respectarse “o noso sentimento e tradición”, representados pola figura da pantalla. Haberá vallas no tramo central do desfile para evitar embotellamentos. As comparsas e carrozas interesadas en participar poden apuntarse ata o 3 de febreiro.
No apartado de loxística que rodea a festa, haberá carpas nas prazas Maior, Oriente e Xoan XXIII, instalaranse 15 baños públicos en puntos visibles da vila, reforzarase a recollida de vidro durante as festas e a Deputación facilitará un camión baldeador para manter limpa Xinzo estes días.
Como complemento, o Museo do Entroido estará aberto no seu horario habitual durante os festexos.
Agradecementos
Na súa intervención, o rexedor, Antonio Pérez, anticipouse ás posibles críticas que puidera haber sobre a edición deste ano; “as cousas soas non se fan”, dixo, agradecendo aos membros da comisión o seu traballo por facer posible o entroido . Tamén tivo un recoñecemento para dous entroideiros históricos da vila xa desaparecidos, Manolo Santana e Toñito Maestro.
Na mesma liña, o edil de Festexos, Luis Miguel Gil, explicou que coa constitución dunha comisión organizativa quixo “abrir ao pobo o facer o Entroido”, e sinalou que tan só lles fixo dúas peticións aos organizadores: que o desfile infantil fora de toda a comarca e ter en conta as agrupacións musicais locais nas contratacións.
O Entroido 2016 de Xinzo conta cun orzamento municipal de 55.000 euros, ao que se lle sumarán as posibles subvencións por parte da Xunta e da Deputación, así como o recadado pola comisión entre hostaleiros, comerciantes e veciños.