Miguel Santalices

O actual vicepresidente da Cámara substituirá a Pilar Rojo.

O ourensán Miguel Santalices foi proposto polo grupo parlamentario do Partido Popular para asumir a presidencia do Parlamento galego que deixa vacante Pilar Rojo, agora deputada no Congreso.

O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, expresou a súa satisfacción e a dos populares ourensáns tras coñecer este anuncio.  “É o mellor presidente que podía ter a Cámara de todos os galegos”, dixo Baltar, destacando que esta proposta “é un recoñecemento á súa experiencia, ao seu coñecemento, o talante, o compromiso coa terra, o galeguismo e tamén á súa personalidade”.

O presidente provincial desexoulle os mellores éxitos na súa nova etapa, incidindo en que “se hai alguén capaz de presidir unha Cámara de representación política é el e así o recoñeceron hoxe por unanimidade todos os membros do grupo parlamentario popular”.

Miguel Santalices Vieira (Bande, 1955) ocupa escano no Parlamento de Galicia desde 1998 e na actualidade é vicepresidente da Cámara, posto que xa ocupou na quinta e sétima lexislaturas en substitución de Celso Delgado e Manuel Baltar, respectivamente. A súa traxectoria profesional como médico e experto en xestión sanitaria levoulle a ser portavoz de sanidade do grupo parlamentario popular. É, ademais, membro do comité de dirección e da executiva provincial do Partido Popular en Ourense.