Constatouse un descenso do 15% no número de infraccións penais rexistradas no ano 2015 con respecto ao ano anterior.
O Concello de Verín acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e a concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil do concello de Verín, Cándida Couñago Lara e na que participaron membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local.
Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 2 de febreiro de 2015, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá.
Os datos que reflicten as estatísticas amosan una tendencia á baixa tanto no cómputo de faltas como de delitos en 2015. A falta dos datos definitivos, que en breve fará público o Ministerio do Interior, constatouse un descenso do 15% no número de infraccións penais rexistradas no ano 2015 con respecto ao ano anterior.
Outro dos puntos destacados na orde do día foi o deseño do dispositivo de seguridade cidadá que se establecerá nas Festas do Entroido, priorizando o importante eido de colaboración entre a Policía Local do Concello de Verín e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.