O sindicato critica que Medio Rural segue sen informar nin asesorar ao sector vitivinícola a pesar de que xa desapareceron os dereitos para plantar viñedo e se poderán solicitar novas plantacións a partir do 1 de febreiro.
O Sindicato Labrego Galego celebrou este xoves 28 de xaneiro, en Castrelo de Miño, unha xornada informativa ao redor da nova normativa da Política Agraria Común para o sector vitícola que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2016. Para levala a cabo, o SLG contou coa colaboración do responsábel técnico do sector do viño na Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), Carlos Mateos.
Para Xosé Manuel Parente, coordinador desta xornada e responsábel do SLG na comarca do Ribeiro, “o principal cambio na normativa foi que, dende o 1 de xaneiro, desapareceron os dereitos de plantación de viñedo e, polo tanto, xa non se poderán mercar ou vender, tal e como se viña facendo até o de agora. A partir desa data, en caso de querer plantar nova superficie de viñedo, hai que solicitarllo á Administración, no caso galego á Consellaría de Medio Rural, entre o 1 de febreiro e o 15 de marzo de cada ano, e será a Administración quen faga a concesión ou a denegue en base a unha serie de baremos”.
Precisamente, o SLG organizou esta xornada informativa diante da que consideran «parálise» da Consellaría de Medio Rural, «que non está a facer nada para informar ou asesorar ao sector do viño dunha enorme batería de cambios normativos que xa entraron en vigor e que implican que a semana que vén, a partir do 1 de febreiro, xa se poderán facer solicitudes de plantación».
Dende o SLG agardan que a nova conselleira, Ángeles Vázquez, «o faga mellor que a súa antecesora e, cando menos, faga as xestións necesarias para que a rede de oficinas agrarias comarcais informen e asesoren axeitadamente ao sector; mais visto o visto até o de agora, non podemos deixar de ser pesimistas».