O pasado 20 de xaneiro, o abastecemento de auga potable a diversas poboacións e urbanizacións foi declarado non apto para o consumo humano.
O PSOE de Pereiro de Aguiar pedirá no pleno deste venres, explicacións ao grupo municipal de goberno do Partido Popular, en relación aos problemas na calidade das augas da traída municipal, que impediron o seu consumo por parte da poboación durante o mes de xaneiro, e que afecta os pobos da área de Cortiñas, Pereiro de Aguiar, Melias, Santa Marta, xunto ás urbanizacións de Tapada de Bouzas e de Veiga de Abaixo, e que supoñen unha poboación afectada superior aos 2.000 habitantes. Así mesmo, solicitan información sobre as causas do mesmo, así como, as medidas correctoras que se están levando a cabo.
César Grande, portavoz socialista no concello, a falta de información aos veciños, xa que, soamente se notificou o problema mediante un Bando municipal colocado nos “postes da luz”, non utilizándose outras novas tecnoloxías máis eficaces de comunicación (páxina web do concello, redes sociais…).
Os socialistas lembran que o servizo de abastecemento municipal foi privatizado no ano 2014, mediante a súa concesión durante 25 anos á empresa Viaqua (anteriormente denominada Aquagest), cuxo custo supón aos veciños de Pereiro un gasto anual superior aos 500.000 euros, sen incluír os custos de depuración e saneamento.
Así mesmo, lembran que a privatización unicamente foi apoiada polo Partido Popular, e que o PSOE leva denunciando desde o ano 2009 o procedemento de privatización do servizo de augas, polas graves irregularidades que se están producindo, ao realizarse contratos a medida, tal como “xa sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza”, e que supuxeron “un incremento substancial das tarifas da auga xustamente antes da adxudicación do servizo”.
Así, para un recibo por consumo de auga nunha vivenda media incrementouse nun 70 % nos últimos anos, pasando por exemplo, a tarifa fixa de 1,226 euros/mes a 4,20 euros/mes e a variable no tramo dun consumo inferior a 20 m3 de 0,3065 euros a 0,5249 euros, mentres que para consumos superiores a 20 m3 ao mes, o incremento foi superior ao 100%.