Este plan ten como finalidade ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.
A provincia de Ourense verase beneficiada con 4,4 millóns de euros do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016. Así o destacou na Delegación Territorial o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, acompañado pola delegada territorial, Marisol Díaz.
Antonio Crespo sinalou que estas achegas permitiranlle os concellos dispor dun orzamento necesario para arranxar as infraestruturas viarias, co obxectivo de facilitar a mobilidade da poboación rural. O director xeral salientou que as obras a financiar no marco deste plan serán a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.
O director xeral explicou que este plan disporá de 20 millóns de euros para toda Galicia, dos cales o 75% corresponde a fondos FEADER do novo período de programación 2014-2020, o 17,5% a fondos propios da Xunta e o 7,5% restante do Ministerio.
Reparto por municipios
A cantidade que recibirá cada un dos concellos da provincia de Ourense segue os criterios consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Oscila entre os 31.227 euros de Pontedeva e os 75.413 de Viana do Bolo.