Os folións, a farrapada e os desfiles de domingo e martes, protagonistas en Laza.
Laza quenta motores para o Entroido para os días grandes de Entroido, que comezan este venres e o sábado co Gran Folión, dende o barrio da Cerdeiriña ata a Picota.
Este venres hai gran folión desde as 23 horas, con saída desde o fondo da Cerdeiriña, con chocos, viño, xastré e fachóns. O día 6 é Sábado de Cabritadas, amenizado con pasarrúas a cargo dunha charanga ao longo do día, e pola tarde na Picota fariña a rachar. Á noite, troulada e cabritadas dos mozos; a música correrá a cargo dunha disco-móbil.
O domingo 7 será a estrea dos peliqueiros, que darán os bos días aos veciños percorrendo as rúas e saudarán na saída da misa. Na praza da Picota repartirán bica, e achegaranse até xunto os compañeiros que non puideron saír. Pola tarde, terá lugar o desfile de carrozas, con orquestras, que continuarán poñendo banda sonora á festa durante a noite.
O Luns Borralleiro a media mañá celébrase a farrapada, unha batalla con trapos untados con barro, na praza da Picota. Mentras, a xitanada dos burros percorrerá as rúas. Pola tarde, as formigas e a Morena invadirán a Picota, acompañadas por fariña, toxos, o burro e os peliqueiros. Ao remate repartirase cachucha, pan e viño.
O Martes de Entroido é o día dos peliqueiros veteráns, que se exhiben pola mañá na Picota, e a mediodía percorrerán a vila. Pola tarde, o desfile de carrozas tomará as rúas, lerase o testamento e farase o enterro do Entroido, coa queima do Arangaño.
Piñata
Por último, o Domingo de Piñata (14 de febreiro) é a última oportunidade para que os peliqueiros que non puideron gozar da festa e do seu tradicional traxe o fagan, antes de que os sons dos seus chocos se despidan ata o próximo ano.