Na estrada OU-536 varias árbores foron sinaladas e a asociación ecoloxista teme que a Xunta pretenda cortalas polo pé.
A asociación Amigos da Terra alerta da posible tala indiscriminada de árbores centenarias na OU-536 ao seu paso por Esgos. Avisados por veciños e usuarios, os ecoloxistas comprobaron como na zona do Pinto «a maioría das árbores foron sinaladas no seu tronco cunha EX de cor vermello polo que todo fai indicar que a Consellería (de Infraestruturas e Vivenda) responsable da estrada pretende cortalas polo pé ou facer podas pouco axeitadas para a protección deste conxunto arbóreo».
Amigos da Terra considera esta estrada «unha das máis bonitas da provincia polo seu trazado e polas formacións arbóreas que se atopan no seu percorrido. A altura do Pinto no concello de Esgos hai árbores centenarias de grandes dimensións (carballos, plátanos, freixos, nogueiras, choupos…) árbores que non supoñen ningún risco para a seguridade vial e que forma un harmonioso conxunto e de alto valor patrimonial, estético e paisaxístico polo que é preciso protexer o arborado existente tal e como se fai nos países do conxunto da Unión Europea».
Por iso solicitan a protección do conxunto das árbores existentes ao longo da OU-536, e que no caso de ser preciso algunha poda «se faga seguindo os criterios axeitados sinalados polos especialistas en mantemento da arborado».
A asociación vén de realizar denuncias no Concello de Esgos, na Consellería do Medio Rural e na Consellería de Infraestruturas para evitar a tala destas árbores.