O vicepresidente da Xunta destaca que o Goberno galego leva destinados nos últimos meses máis de catro millóns de euros para reforzar as agrupacións de Protección Civil.
Alfonso Rueda fixo entrega este venres de oito embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate para os servizos de Protección Civil de outras tantas entidades locais de Pontevedra e Ourense, entre eles o de Castrelo de Miño, que recibiu unha lancha de cinco metros de eslora.
Segundo destacou Alfonso Rueda, o equipamento entregado forma parte dun ambicioso plan de mellora dos medios materiais dos que dispón a Comunidade Autónoma de Galicia e que permitirá mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións de emerxencias.
A Xunta de Galicia leva destinados nos últimos meses máis de catro millóns de euros para reforzar con medios materiais as agrupacións de Protección Civil alí onde máis o necesitan. En total, foron entregados xa máis de 60 todoterreos, 40 furgóns, máis de medio cento de remolques e máis de 30 esparexedores de sal, e 21 embarcacións.