A Xerencia de Xestión Integrada deu a coñecer os datos das listas de espera en 2015.
Os pacientes do Servizo Galego de Saúde en Ourense son os que menos agardan para acceder a consulta e contan cun dos mellores tempos para ser intervidos cirurxicamente, segundo os datos de xestión e listas de espera 2015, feitos públicos este venres por parte da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
No balance de 2015 presentado pola responsable da Xerencia, Eloína Núñez, os centros sanitario públicos da provincia acadaron así un dos seus principais obxectivos, logrando axilizar a accesibilidade á primeiras consultas nos tres hospitais públicos de Ourense, conseguindo por vez primeira os mellores resultados de Galicia cunha media de 29,2 días, 22 días menos que a media Sergas, con 51,4 días.
En concreto os resultados acadados sitúan a accesibilidade dos ourensáns á primeira consulta do especialista como a mellor, tanto na comparativa co resto de áreas integradas, como por centros, co CHUO co mellor dato entre os grandes hospitais, con 30,7 días, e tamén por hospitais comarcais, onde os Hospitais de Valdeorras e Verín e se sitúan á cabeza cunha media de 20,9 e 26,1 días respectivamente.
Este obxectivo, era precisamente un dos principais retos marcados pola Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, unha vez que os tempos en lista de espera para intervencións cirúrxicas mantense entre os mellores da rede hospitalaria do Sergas, con 43 días fronte a media do Sergas de 70,8.
Os tempos medios de acceso a unha intervención tamén se reduciron porcentualmente con respecto ao ano anterior. E sitúanse entre os tres primeiros de Galicia tanto na media por áreas como por grandes hospitais, ocupando de novo o Hospital Comarcal de Valdeorras o primeiro posto de Galicia cunha media de 28,3 días para ser operado.
Esta obtivo no primeiro trimestre deste ano unha media de 42 días (44 no CHUO, 26 no Hospital Comarcal de Valdeorras e 33 no Hospital de Verín), Situándose de novo o Hospital Comarcal de Valdeorras co mellor resultado a nivel galego con menos da metade da media galega, fixada en 66 días.
Para a responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Eloína Núñez, estes bos resultados responden o importante esforzo realizado por todos os servizos, tanto médicos como cirúrxicos e centrais, para afondar no funcionamento de cada servizo, cambiar seus sistemas de traballo, desde os puntos de vista organizativo, de xestión e asistencial, cara a unha asistencia mais áxil e eficiente, e do compromiso dos seus profesionais cara un novo modelo mais resolutivo, integrando na súa carteira de servizos as consultas de acto único e alta resolución.
Precisamente a este tipo de consultas se debe en gran parte a mellora dos resultados de consultas e de probas diagnósticas, xa que supoñen unha gran vantaxe para o paciente, ao atender as súas necesidades asistenciais nunha única visita ao hospital, na que seu médico realízalle a consulta e as probas diagnósticas, saíndo xa cos resultados, fronte o modelo tradicional de consulta e petición de probas, nova visita para estudios diagnósticos e finalmente consulta de valoración de resultados. Xunto a iso aumentouse o número de consultas globalmente en 8.088, delas 3.309 primeiras.
Incremento das consultas de Atención Primaria
Nesta liña de aumentar a resolución cunha menor frecuentación ao hospital, en 2015 Atención Primaria aumentou nun 3,5% as súas consultas, rexistrando un total de 3.384.746 consultas. Este dato é especialmente importante xa que a reducción de consultas administrativas (receitas, baixas, etc.) nun 55% desde 2009 permite ampliar o tempo adicado a consultas de enfermidade, e por tanto con maior valor asistencial.
Xunto a iso incrementáronse en 17.490 desde 2009 as consultas de Telemedicina, que lle evitan ao paciente consulta hospitalaria, mediante o acceso directo dos profesionais de primaria aos de hospitalaria. Neste intre, están implantadas este tipo de consultas en Radiodiagnóstico, Reumatoloxía, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Nefroloxía, Medicina Interna, Endocrinoloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Cardioloxía e Cirurxía Vascular.
Esta coordinación entre niveis ten o seu referente nas Vías Rápidas, nas que os médicos de atención primaria asumen un papel primordial á hora de captar as posibles sospeitas diagnósticas. As Vías Rápidas son circuítos asistenciais que facilitan o diagnóstico e tratamento prioritario, nun tempo inferior a 15 días, daqueles pacientes, principalmente con sospeita de un diagnóstico oncolóxico.
En Ourense están implantados estes circuítos para os pacientes con sospeita de cancro colorectal, de mama, pulmón, vexiga, próstata, larinxe e melanoma, ademais de lumbalxia e demencia, todas elas contan en Ourense cun tempo medio de resolución medio máximo menor de 5 días e desde a súa posta en marcha nos últimos cinco anos xa se beneficiaron delas 10.769 ourensáns.