Baixo o lema ““O Parlamento de Galicia, a nosa casa”, serán galardoados os mellores debuxos e redaccións dos escolares ourensáns.

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras e convocatoria do III Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar, baixo o lema “O Parlamento de Galicia, a nosa casa”. Poderán participar neste concurso os estudantes dos niveis educativos de Infantil, Primaria, Educación Especial e ESO, de centros de ensino xeral tanto públicos como concertados ou privados, da provincia de Ourense.

O concurso presenta nas súas bases distintas modalidades, por unha banda, a referida aos alumnos de educación Infantil e Primaria, así como os de Educación Especial, presentarán un debuxo ou traballo artístico que deberá facer referencia ao lema do concurso. E os estudantes da ESO deberán presentar unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía, cunha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego.

Os interesados en participar teñen de prazo para presentar o seu traballo ata o día 18 de marzo.

 

Premios

As tres mellores creacións de cada nivel educativo recibirán un diploma, unha colección de libros e material audiovisual. Os premios serán entregados o 6 de abril para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía.

 

 Bonificcións nos prezos do Paco Paz

Asemade, aprobouse a concesión das bonificacións nos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. Así, a delegación ourensá da Federación Galega de Voleibol, a Escola Burgas e o Club Marusía (ambos de ximnasia), e a Asociación Aixiña gozarán dun 90%; o Club Tenis de Mesa Academia San Mamed Ourense, dun 75%; o Club Voleibol Ourense, o Club Burgas Voleibol e a Asociación Renacer, dun 60%; o Club Baloncesto Valenzá, dun 45%; e as Copas Deputación da tempada 2015-2016, do 100%.

Por último, tamén se fixou o prezo público do servizo da escola elemental complementaria do Conservatorio de Xinzo da matrícula por materia en grao elemental por curso en 69,75 euros. Aplicaránselle ao prezo as bonificacións e normas de xestión establecidas para o resto de prezos da escola no acordo da Xunta de Goberno do 6 de novembro de 2015.