Carmen Iglesias solicita no Parlamento a posta en valor dos seis institutos históricos de Galicia

Entre os que se atopa o IES Otero Pedrayo de Ourense, no que se formaron Saco e Arce, Julián Besteiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Marcelo Macías ou Xocas, entre outros.

O Grupo Mixto, a iniciativa da súa deputada e voceira, Carmen Iglesias, presentou unha Proposición Non De Lei para o seu tratamento na Comisión 4ª. Educación e Cultura.

Tal e como explican Galicia conta con seis Institutos de Educación Secundaria dos denominados “institutos históricos” (o IES Otero Pedrayo de Ourense, o Lucus Augusti de Lugo, o Arcebispo Xelmirez de Santiago, o Sánchez Cantón de Pontevedra, e o Salvador de Madariaga e o Eusebio da Guarda, da Coruña). “Estes centros educativos son depositarios dun riquísimo patrimonio arquitectónico, documental, bibliográfico e científico, acumulado ao longo dos séculos XIX e XX. Os IES históricos atesouran obras de arte, laboratorios de física e química, instrumentos científicos, coleccións de historia natural, cartografía, museos pedagóxicos e científicos, importantes bibliotecas e suntuosos paraninfos comparables aos mellores teatros da época”, resaltan.

Nos seus arquivos gárdanse os libros de actas, cualificacións, matrículas, e expedientes académicos das alumnas e os alumnos que chegaron a destacar nas ciencias, nas artes, na cultura ou a política. Entre os que sobresaen nomes como Saco e Arce, Julián Besteiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Marcelo Macías ou Xocas no IES de Ourense; Álvaro Cunqueiro, Antón Vilar Ponte, Ánxel Fole, no Lucus Augusti;  Filgueira Valverde en Pontevedra, entre outros.

“Todo este legado é de titularidade pública”, lembra Iglesias, polo que lle corresponde á Xunta garantir a súa conservación e promoción.

Por iso, dendeo Grupo Mixto instaron ao Goberno autonómico “a crear un Plan específico para os seis institutos históricos”, que inclúa medidas como a restauración e catalogación do seu patrimonio; establecemento de convenios con Deputacións e Concellos, así como cos arquivos e museos das cidades nas que están situados, para favorecer a súa promoción como centros de referencia cultural e identitaria; creación ou acondicionamento de espazos museísticos permanentes; e posta en marcha dunha web na que dalos a coñecer.