A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, avanzou que a Xunta executará no segundo trimestre do ano un conxunto de actuacións concibidas como unha “solución global e integral” para reforzar a seguridade viaria na estrada da Granxa, en Ourense. Así o avanzou na xuntanza que o luns 7 de marzo mantivo con representantes da Asociación de Veciños O Barrio e de Stop Accidentes, aos que lles presentou as actuacións previstas nesta vía.
A conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e do alcalde da cidade, Jesús Vázquez, destacou o interese da Xunta por reducir os incidentes que se rexistran nesta travesía e dar resposta ás demandas de seguridade que trasladan os veciños. En apenas dúas semanas no mes de decembro producíranse dous accidentes nesta vía, onde falecera unha muller atropelada hai pouco máis dun ano.
A Axencia Galega de Infraestruturas deseñou un conxunto de actuacións que teñen o dobre obxectivo de “lograr que a vía sexa máis segura para todos os usuarios, tanto para vehículos como para peóns”, e acadar “un mellor aproveitamento do espazo da calzada”.
Entre as actuacións máis importantes que se van acometer, vaise sobreelevar un paso de peóns, atendendo a demanda expresa dos veciños. Así mesmo, indicou que está previsto incorporar tres glorietas nos cruces máis amplos para favorecer os xiros. As rotondas facilitarán, asemade, unha redución da velocidade do tráfico nesta rúa, en especial en horario nocturno.
Así mesmo, Ethel Vázquez avanzou que se realizará unha reordenación da estrada para facer máis visibles os pasos de peóns, se establecerán carrís intermedios de xiro á esquerda e se van sinalizar axeitadamente as paradas de bus e as zonas de carga e descarga.
A conselleira concretou que, ademais, se mellorará a circulación peonil nas zonas onde non hai beirarrúas acondicionadas e recolocarase o mobiliario urbano nas zonas nas que sexa necesario, por exemplo, reubicando contedores de lixo que resten visibilidade.
En total, Ethel Vázquez, asegurou que se prevé actuar ao longo de 1,5 quilómetros da estrada da Granxa ao seu paso polo concello de Ourense, por onde circulan a diario 7.000 vehículos. .