A organización da 23ª Mostra da Oportunidade calcula que foron máis de 13.000 os visitantes que aproveitaron os mellores prezos en milleiros de artigos que ofrecían descontos que partiron dende o 30 ata o 70%, ofertas como 2×1 ou sen IVE.
A Mostra con verteuse na fin de semana do 4 ao 6 de marzo nunha cita para toda a familia á que contribuíu a zona de lecer e a ludoteca pola que pasaron centos de nenos. A organización tivo que reforzar o dispositivo destinado ao aparcadoiro debido á permanente circulación de vehículos nestes días.
A 23ª Mostra da Oportunidade, certame decano das feiras multisectoriais e de descontos en Galicia, pechou tras tres días de intensa actividade nos que se converteu nun dinamizador das vendas dos establecementos da provincia grazas á presenza, de forma asociada, de distintos centros comerciais como o de Ourense Centro, o Couto, Allariz e das asociacións AGAECA de A Valenzá e Ourense Norte que participaron por primeira vez.
Facendo un percorrido polos expositores que participaron nesta edición, as opcións de compra multiplicáronse debido a época do ano que estamos a vivir. Puidéronse atopar dende agasallos especiais para o Día do Pai, ata prepararse para as vacacións de Semana Santa, xa que foi posible mercar dende bikinis e sandalias ata prendas de abrigo e de pel. A ampla oferta en moda, calzado e complementos para toda a familia, mascotas incluídas, tamén converteu a esta cita nunha boa oportunidade para prepararse para a tempada de vodas, bautizos, comuñóns e outros eventos.
Nesta edición da Mostra os visitantes tamén atoparon todo o necesario para arranxar o xardín e a horta de cara a primavera ou ir elixindo estufa ou cheminea para o inverno que vén. A oferta en fogar complementouse cunha ampla gama de sistemas de descanso, menaxe, sofás, mobiliario e pequenos electrodomésticos.
O balance da 23ª edición poderíase resumir así: gran calidade e variedade dos produtos ofrecidos, fidelidade do público, gran liquidación de stocks de tempada por parte dos expositores e o sector con máis éxito, o téxtil.
Expourense pecha así a segunda cita do seu calendario feiral. A vindeira feira será os días 14 e 15 de abril coa 11ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral.