O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo en Madrid unha reunión co ministro en funcións de Educación, Cultura y Deporte, Íñigo Méndez de Vigo.
Esta reunión de traballo, solicitada polo rexedor ourensán, estivo centrada nas infraestruturas dependentes deste Ministerio que están pendentes de resolución na cidade. Así, no tocante á Biblioteca Pública, o ministro confirmoulle a Jesús Vázquez que as obras esta infraestrutura serán recepcionadas polo Ministerio con carácter inmediato. Así, deste xeito, nos vindeiros días se poderá iniciar o trámite para a cesión desta dotación á Xunta de Galicia. De feito, tanto o Goberno Central como o Autonómico están xa traballando de xeito conxunto no proceso de dotación do inmoble. O titular de Educación, Cultura y Deporte confirmoulle ao alcalde de Ourense que neste senso xa se avanzou no plan de dotación sacando a concurso contratos como por exemplo o de adquisición de ordenadores.
Con respecto á segunda obra por parte do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, o Arquivo Provincial, o compromiso de Méndez de Vigo é que a reanudación das obras desta infraestrutura cultural se producirá nas próximas semanas. Tal e como lle manifestou o ministro ao alcalde de Ourense, o Goberno central leva traballando tempo en buscar a saída máis favorable para Ourense, que evite a paralización do proxecto e permita reanudar con normalidade as obras.
Tralo remate da reunión, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, amosouse esperanzado no desbloqueo de dúas infraestruturas fundamentais para a dinamización cultural da cidade. “O compromiso é firme respecto á recepción inmediata das obras da Biblioteca, co fin de proceder ao seu traspaso á Xunta de Galicia para a súa dotación. E no tocante ao Arquivo Provincial, é preciso que a solución adoptada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte sexa firme e con todas as garantías xurídicas para o remate destas obras e a súa posta a disposición da cidadanía de Ourense”.