De apelido ilustre en Ourense, Sofía Godoy Gómez-Franqueira, foi unha das fichaxes estrela de Jesús Vázquez e asume unha das áreas de máis importancia do goberno: asuntos sociais.
Esta é a súa primeira incursión en política, que balance fas destes oito meses?
Sofía Godoy: “Foi un compromiso e unha gran responsabilidade a nivel persoal, pero moi satisfactorio porque foi a oportunidade de poder implicarme dun xeito real nas problemáticas que ten a miña cidade e oportunidade de pór o meu graíño de area e de construír unha cidade mellor. Persoalmente moi satisfactorio ao saber que ante un problema podo pór todo de min para poder axudar”.
Era o que agardaba?
S.G.: “En liñas xerais si, sabíamos que ía ser difícil pero por enriba das dificultades estaban a emoción e as ganas de contribuir e axudar”.
Como axuda o Concello de Ourense aos ourensáns desde as áreas que xestiona?
S.G.: “Axuda desde moitos frontes: hai unha parte, debido á crise na que estamos, de axuda directa e inmediata, por exemplo unha persoa que está cun proceso de desafiuzamento, que está na rúa, que non ten as necesidades básicas cubertas.. a esa persoa loxicamente hai que axudala. Logo hai unha parte a medio prazo que tamén é importante, de prevención e de traballar na inclusión social, sociolaboral”.
E no caso dos anunciados cortes do subministro de auga a máis de cen persoas?
S.G.: “A empresa que xestiona a auga e o Concello están conectados desde o primeiro momento. Estivemos revisando (a lista publicada no Boletín Oficial da Provincia) e había dúas persoas incluídas na base de datos do Concello como persoa en risco de exclusión social, unha en paradoiro descoñecido e a outra xa a temos localizada e estamos tramitando a axuda. Todo o resto de persoas non estaban no listado”.
Cantas persoas atenden os servizos sociais do Concello?
S.G.: “Traballamoscon moitos colectivos; no albergue atendimos 490 persoas, tivemos 1.243 casos atendidos de vítimas de violencia de xénero, non quere dicir que todas estean en procesos continuados, algunhas veñen a asesorarse; 343 vítimas con procesos xa reais traballando todo o ano con elas, en etnia xitana, 388 usuarios, e inmigrantes 394, baixaron un pouco porque moitos voltaron aos seus países de orixe; perceptores de Risga entre 500 e 600…”
O Goberno está preparando unha ordenanza de vivendas de emerxencia social.
S.G.: “Estas vivendas van ser para casos de verdadeira emerxencia social. Persoas que se atopen de hoxe para hoxe na rúa, para persoas que están no albergue de transeúnte, ou para unha familia que se queda sen casa porque houbo unha catástrofe… sempre casos estudados polos traballadores sociais.
No resto de casos temos xa as axudas de emerxencia social. Preferimos darlles unha axuda para aluguer, mentres xestionamos coa Xunta para que lles tramiten unha vivenda social”.
E canto tarda en tramitarse unha axuda de emerxencia social?
S.G.: “Pode ser mes e medio”.
Un dos primeiros anuncios do Goberno municipal foi o programa “Ourense integra”, por que aínda non se puxo en marcha?
S.G.: “É por un tema xurídico e de fiscalización, por nós fai moito tempo que estaría en marcha. Intervención puxo pegas porque era un proxecto novo, que non había en Galicia, e dixo que quería darlle unha volta de novo”.
Como funcionaría?
S.G: “Son axudas directas para familias en risco de exclusión social que non son perceptoras de ningunha axuda. Por exemplo unha persoa inmigrante que chega aquí sen papeis, mozos que aínda non constan en situación de desemprego… intenta cubrir un baleiro a nivel de axudas. Nós fomos os primeiros de toda Galicia e a raíz do noso tamén na Coruña o iniciaron e tamén o teñen parado por Intervención”.
Veñen de aprobar o novo prego do Serrvizo Axuda no Fogar.
S.G.: “Si, debería estar xa publicado na web o perfil do contratante, e en dous meses espérase que estea o contrato en vigor”.
Que novidades presenta?
S.G.: “Ampliáronse moitísimo as horas, pasamos de 7.000 a 15.000 horas todas de dependencia.
Temos dous tipos de axuda, unhas de libre concurrencia que son municipais e outras, as de dependencia, a través da Xunta. Queremos este ano abordar a dependencia de grao 3, 2 e 1; con iso, todas as persoas que teñen calquera tipo de limitación nas súas vidas poderán estar atendidas”.
A día de hoxe están todos os dependentes da cidade atendidos?
S.G.: “De nivel 3 si, e de nivel 2 unha parte, e tamén están as axudas de libre concurrencia municipal; aí os que teñen unha limitación menor ímolos cubrindo tamén”.
Como está o proxecto para mellorar a canceira municipal?
S.G.: “Non temos os orzamentos aínda aprobados, así que mentres estamos intentando presentalo a diferentes entidades para ter algún tipo de financación para poder abordalo.
Támén estamos traballando nun plan de benestar animal, e en crear parques axeitados para cans en cada barrio”.
No resto de áreas que xestiona, como Sanidade, Xuventude, Voluntariado, continuará cos programas que xa había?
S.G.: “O orzamento que temos é axustado, pero ao final podes facer todas as cousas igual ou mellor se traballas en rede. Aquí non estaban acostumados a traballar en rede entre concellerías, moitas veces había compañeiros que non se coñecían dentro da mesma concellería O lóxico é que todos traballan en rede, no meu caso aínda máis porque son todas áreas do ámbito social.
Estamos intentando nunca replicar actividades en varias concellerías, e dotalas de recursos de varias concellerías. Dentro duns días presentaremos un Plan integral de voluntariado con actividades e obxetivos; estamos traballando entre varias concellerías nun programa de prevención de violencia de xénero, de acoso escolar e de adicións, e nun Plan de inclusión entre o CIE (Centro de Iniciativas Empresariais) e Servizos Sociais; o importante é o que tes, aproveitalo ben e crear sinerxias”.
Cando se realizará o traslado das dependencias da súa área?
S.G.: “Será neste primeiro semestre, depende da Concellería de Servizos Xerais. A UNIS do Couto vai para o CIMM do Couto; o CIMM queda exactamente igual que estaba, a UNIS ubicarase na parte de abaixo que está illada e quedará independente con entrada por detrás.
Todo este edificio (o ubicado na rúa Arcediagos, onde se sitúan Servizos Sociais) e o da rúa Concordia (Sanidade) van para a Cárcere da Coroa (detrás da casa consistorial) e quedará moito mellor para traballar en rede”.
Teñen suficiente persoal os seus departamentos?
S.G.: “Depende, hai servizos que están ben dotados, outros que sempre serán insuficientes: traballadores sociais, psicólogos… cando atendes a colectivos cos que traballamos nós, non podes medir o tempo polo reloxo.
Pero antes de pensar en pedir máis é traballar con maior eficacia, coñecer todo o que facemos o resto, aproveitar ben os recursos, formar á xente, traballar en equipo. Imos exprimir ao máximo, en positivo, os recursos que temos e a capacidade da xente que é moita”.
Como estará dotada a área de Asuntos Sociais nos Orzamentos de 2015?
S.G.: “Xa dicimos que vai ser unha prioridade. Os orzamentos deste ano van ser un pouco inferiores que os anteriores, pero desde logo poden estar seguros de que a primeira prioridade van ser todas as áreas sociais”.