Pepe Araújo (Francia, 1971), é un dos homes fortes do Goberno municipal de Ourense. Empresario e político con experiencia tanto no goberno (na etapa 2003/07) coma na oposición, neste mandato asume as áreas de Infraestruturas, Servizo Eléctrico, Medio Ambiente, Limpeza Viaria e Transporte Público, ademais da portavocía do grupo de goberno.
Como te organizas con tantas competencias?
Pepe Araújo: “Traballando moitas horas, basicamente. Dedicándolle moito esforzo e intentando motivar a todos os responsables das diferentes áreas para que tamén fagan ben o seu traballo”
Cando se iniciarán as obras pendentes do Plan de Investimentos, como a humanización da rúa Concello ou a rehabilitación da pasarela do Barbaña?
P.A.: “O trámite administrativo, de firmas de contratos, de aprobación dos plans de seguridade e saúde, actas de replanteo… se está a facer estes días e eu penso que en febreiro xa empezaremos a ver algunha obra”.
Desta vez van para adiante?
P.A.:“Si, si, afortunadamente, grazas ao esforzo que fixeron no departamento de Contratación e no de Tesouraría e Intervención e grazas á colaboración da Deputación, se fixo posible que se salvara a partida orzamentaria e que se adxudicaran. A min cando se iniciou o proceso me dixeron que era practicamente imposible que nos dera tempo e aínda así asumimos o reto e o 31 de de-cembro estaba traballando todo o mundo no Concello para que iso fora unha realidade. Síntome especialmente orgulloso diso”.
Realizarase a segunda fase do Plan de Investimentos que estaba prevista?
P.A.: “O Plan de Investimentos parte dun documento inicial onde aparecen relacionadas todas as demandas do movemento veciñal, e necesidades urxentes que había que atender, acordos plenarios aos que se lles quixo dar cobertura. Fixérase naquel momento unha estimación que xiraba ao redor dos 16 millóns. Naquel momento o PP estaba na oposición e colaborou para que fora unha realidade, e dotouse unha partida de case cinco millóns de euros para iniciar a primeira fase.
O que se lles pediu agora á Federacion Limiar e Agrupación Miño é que foran pensando se o que quedou por facer é o que agora priorizarían e outras cousas que a maiores consideran e traballaremos durante febreiro e marzo para elaborar un novo listado de prioridades”.
Cantas queixas recibe ao día relacionadas coas infraestruturas, viais, limpeza, parques, etc.?
P.A.: “Moitas. Ademais, a cousa mudou moito con respecto a antes, agora hai moitas canles de comunicación e as queixan chegan de múltiples formas: a través de Messenger, do Whatsapp, do correo electrónico, do Facebook, do Twitter, por rexistro, chamadas telefónicas… si que se reciben todos os días unhas cantas”.
Como se tramitan?
P.A.: “Hai varias brigadas e dependendo de cal sexa a queixa se lle destina unha ou outra ou ás veces tes que contar con empresas externas que o fagan”.
Están a revisar o regulamento de limpeza?
P.A.: “Estamos traballando en varias ordenanzas, unha delas é a de limpeza. Está ben esixirlle á concesionaria, que así o facemos todos os días sen tremernos o pulso, pero tamén temos que ordenar a cidade e tomar decisións para que todo estea mellor.
Non é normal que na porta de calquera establecemento de hostalería haxa mil persoas tirando todos os días cabichas ao chan, ou que habendo un contedor a xente deixe as bolsas ao lado, simplemente por comodidade ou por deixadez; hai supermercados que fan o que lles dá a gana e temos que poñer orde… estamos a traballar nunha ordenanza que regularice a situación para que Ourense sexa unha cidade limpa”.
Por que pediu unha nova auditoría sobre os contedores soterrados?
P.A.: “Tivemos que encargar unha nova auditoría porque o que nos atopamos foi informes que non concretaban a situación. Por un lado unha empresa que informa sobre os sistemas de seguridade e por outro unha enxeñaría á que lle pediron que analizaran a evacuación de líquidos. Cando imos vela o que nos di a empresa é que fixeron unha estimación pero non unha análise de cada contedor.
Non nos podemos aventurar a facer unha obra destas características, cunha estimación de ao redor de 1,8 millóns de euros só o que é a obra civil. Por iso pedimos a unha empresa que nos faga un informe da totalidade do que vai custar tanto a obra civil como a reparación de cada un dos contedores. Nuns días espero que nos dean ese informe”.
Para cando se vai constituír a comisión sobre os casos de lexionella?
P.A.: “Xa puxemos en marcha o proceso, xa lle pedimos aos grupos políticos que nos pasaran quen ía ser o seu representante na comisión”.
Rematou logo o expediente informativo?
P.A.: “Está nun proceso de finalización que pasa logo a Contratación, porque todas as sancións que o departamento de Limpeza pode detectar, que son aplicables por un mal proceder, non somos quen de tomar a decisión, hai que pasalo a Contratación, e están nese punto”.
Tamén preparan novas concesións, coma a do transporte urbano.
P.A.: “Cando chegamos atopámonos que o goberno anterior non fixera unha cousa de obrigado cumprimento, a publicación da intención de contratar un novo transporte no boletín das Comunidades Europeas e polo tanto fixémolo e parece ser que ten que estar un ano completo e sen esa publicación non podes tramitar a concesión.
Agora estamos a traballar no prego novo porque tamén nos dixeron que o prego que elaboraran non cumplía cos mínimos”.
Vai haber moitos cambios nas liñas de autobús?
P.A.: “Aí puxemos en marcha a Mesa da Mobilidade e un dos temas que se tratou foi o de recoller as inquedanzas veciñais e de diferentes colectivos de como querían que fose o seu transporte. Imos intentar que todas as inquedanzas aparezan contempladas no novo prego”.
Ecoloxistas critican que se fan talas abusivas na cidade, a última na Rabaza, que tes que dicir?
P.A.: “ Hai viais que non dependen do Concello; no que respecta aos que son titularidade do Concello aquí non se tala ningunha árbore se non hai un problema”.
No caso da tala das árbores do Posío cal foi o motivo?
P.A.: «Había varios: a proximidade ás vivendas, estaban colocados na calzada e nalgún caso tiñan problema de saúde ademais estaban a destrozar o vial e se plantexou unha reforma e non podes facela sabendo que se vai destrozar en dous días. Sempre hai unha consulta ao departamento de Medio Ambiente para saber se se pode (talar) ou non”.
Tes necesidade de persoal nas concellerías que xestionas?
P.A.: “Si que existe esa necesidade de persoal en moitos departamentos: en Servizo Eléctrico, nas brigadas que actúan nas rúas, máis xardineiros… son departamentos que nos últimos anos foron amortizando as prazas”.
Pero parte do mantemento das zonas verdes realízase a través de concesións.
P.A.: “Hai unha parte que está en concesión pero outra que fan directamente funcionarios municipais e se ven moi apurados para dar atendido todo porque son cada vez menos”.
Optarán por ampliar persoal ou concesións?
P.A.: “Esa é unha decisión que temos que tomar agora, estamos elaborando o prego administrativo para as zonas verdes. É unha realidade que cada vez hai menos xardineiros no Concello, que non deixan contratar e que as zonas verdes hai que telas en bo estado; algunha fórmula hai que encontrar”.
Como é de diferente gobernar con maioría a facelo en minoría?
P.A.: “Hai cousas que te plantexas para facer a medio ou longo prazo e evidentemente cun goberno en maioría sería máis sinxelo facelas. No día a día a verdade é que o traballo se está facendo con total normalidade.
Si que é verdade que cando estás elaborando os orzamentos gustaríache ter a maioría suficiente para aprobalos ou cando estás falando do documento máis importante da cidade, o PXOM, gustaríache ter certa garantía de avanzar nese proxecto. Pero é un exercicio que tamén está ben, de diálogo permanente coa oposición, que doutro xeito ao mellor non se faría. Nós xa convocamos un montón de xuntas de portavoces, na etapa anterior non conseguías unha xunta de voceiros nin que o pediras pola vía urxente”.
Con que partido é máis doado chegar a acordos?
P.A.: “Dependerá do interese dese grupo por cada tema, non creo que haxa un grupo co que sexa máis fácil que outro, creo que é posible chegar a acordos con calquera”.
Como se toman os rumores de moción de censura?
P.A.: “Iso case é mellor preguntarllo aos que poderían facer a moción de censura. Nós estamos a traballar con normalidade e a intentar facer as cousas o mellor posible e a partir de aí o outro é unha cuestión que vai estar sempre aí. E se ten que ser que sexa”.