Por Silvia Nieto.
Limpeza, alumeado, saneamento… as demandas dos veciños de Barrocás non mudaron en absoluto co paso dos anos, e isto débese, segundo denuncian, á indiferencia dos políticos. Falamos con Nieves Díaz (presidenta), Luis Blanco (vicepresidente) e Vanessa Fernández (tesoureira) dunha das asociacións veciñais máis activas da cidade.
Cando se fundou a asociación de veciños Barrocás?
Nieves Díaz: “Como asociación de veciños fundouse en 1984, pero antes era Sociedade Recreativa e Cultural Os Barrocás. A directiva actual leva dende mediados de 2012”.
No tempo que levades no barrio, en que mellorou?
N.D.: “O barrio ten más de 40 anos e está exactamente igual. Excepto algunha reparación puntual non cambiou en nada”.
Cales son as vosas principais damandas?
N.D.: “A limpeza é a nosa pelexa de sempre, é máis ou menos real en dúas beirarrúas, no resto do barrio limpan os veciños. Hai un muro de contención que vai ao longo da rúa Barrocás, onde está a fonte, enriba hai unha terra que din que non é de ninguén, pero é responsabilidade do Concello, cunhas silveiras que chegan ata máis da metade do muro e están a piques de virse abaixo. Levan seis anos sen cortar esa maleza.
E, como consecuencia, tivemos que pedir que desratificaran e non nos fixeron caso. Pero resulta que dende fin de ano as farolas da rúa Barrocás non funcionaban, estivemos cinco días con escritos e descubrimos que a causa era que as ratas comeran os cables.
Co alumeado igual, temos unha instalación de fai 45 anos, pedimos que nola cambien porque non da case luz e ata será mellor para eles que as novas consumirán menos, pero nada. E no tema da auga pasa o mesmo, están as tubaxes de fai décadas.
Ademais, cando cambiaron as beirarrúas condenaron as bocas de rego. Hai dous anos ardeu por terceira vez un soar detrás da rúa dos Mirtos, e só había unha que usaron os veciños. Os bombeiros tiveron que ir a 300 metros.
Tamén pedimos que fixeran un cortalumes para que poidan acceder os vehículos de emerxencia. Foi aprobado no Plan de Investimentos 2014-2015, pero xunto a outras cousas aprobadas –como unha rampa nas escaleiras do polideportivo- como non o fixeron en prazo agora non cho fan.
Iso si, a fonte, hai dous anos, despois de tela pechada ano e medio, reventou e puxérona de pedra e estamos contentos, porque é auga non controlada sanitariamente pero se queres refrescarte tes onde facelo. Foi o único. En Barrocás non se fai nada”.
Vanessa Fernández: “Ademais, fai un ano e medio o autobús tirou a marquesiña da parada, non é xurisdición nosa porque está xusto fóra do barrio pero é a parada que nós empregamos. Fomos ao Concello e dixéronnos que como a empresa está en precario, a aseguradora xa pagou a marquesiña pero non está posta.
E os horarios do autobús tamén son un problema, temos só unha liña (11) cada 40 minutos, porque costa moito que todos os que veñen á zona nova suban ata a gardería dar a volta. Logo temos a liña 8 que pasa cada hora e cuarto, pero sempre coincide ca 11, polo que non nos axuda en nada.
Ademais, ao lado da gardería hai un pequeno acceso ao polideportivo cun sinal de prohibido entrar. Reclamamos para que nos poñan unha liña amarela para que non se estacione, pero dinnos que como xa está o sinal non é preciso pintala. E se necesita pasar unha ambulancia ou alguén para o polideportivo cargado con matarial non pode, xa que hai coches aparcados”.
Luis Blanco: “Con moitos temas alegan falta de cartos, pero o que teñen é falta de vontade”.
Canto tempo levades agardando a que vos arranxen o problema da praza?
L.B: “Con cartos do Plan E arranxáronnos a praza, puxeron tela asfáltica para impermeabilizar, pero por aí van as baixantes da auga da choiva e dalgún bloque, esas baixantes estropeáronse e viñeron os do Concello dúas veces e deixárono cada vez peor. E dinnos que ten que pasar a Enxeñería porque agora é unha obra maior. Mentras debido á choiva a humidade foi penetrando e veuse un cacho da bovedilla abaixo. Cando foron as eleccións municipais viñeron e ensinámosllo e puxeron unha vallas porque é un perigo, pero nada máis”.
Tamén hai problemas cos nomes das rúas.
N.D.: “Isto era a urbanización Barrocás. Viñeron do Concello e puxérolle rua Barrocás á que baixa e rúa dos Mirtos á outra. Pero non entendo como interpretan o que é unha rúa, eu penso que é un vial, pero a rúa dos Mirtos non ten vial e agora hai problemas porque hai veciños que están empadroados co nome dunha rúa e outros doutra, e teñen que pedir certificados de convivencia”.
Cal ten sido a resposta do Concello ante estes problemas?
N.D.: “Ultimamente o que nos din é que teñamos paciencia, que nos atenderán. Ademais, din que non saben por que nos queixamos porque temos xardíns e piscina privados, que somos uns privilexiados. E sénteste impotente.
Nós non somos elitistas, ás nosas actividades pode vir todo o mundo, non cobramos por ser socio, vén xente de fóra do barrio ao local da asociación e estamos encantados. Cremos que é bo ser abertos, o problema é que parecemos parvos. Pero non estamos amargados, somos felices, pero hai que ser sinceros. De momento estamos calados, ata que nos cansemos, porque pacificamos moito para que os veciños non se enfaden, pero hai un límite”.
Notastes algunha diferencia co cambio de goberno municipal?
N.D.: “Non, seguimos igual. E o que ofende é que nós esperamos e outros non esperan. E nós só pedimos cousas imprescindibles”.
Credes que están discriminados os barrios en relación ao centro?
V.F. : “Si, hai diferencias, incluso entre as asociacións das aforas, parece que algúns son cidadáns de primeira e outros somos de quinta ou de sexta. E gastan cartos en tonterías, cambian nalgunhas zonas o asfalto por adoquín, e paréceme un gasto superfluo, sabendo que hai necesidades noutros sitios moito máis importantes.
Ademais, hai asociacións con dous locais subvencionados polo Concello, cando o noso o temos que manter nós, e eles reciben 1.600 euros de axuda por enriba. E iso enfádate moito”.
N.D.: “Nós intentamos beneficiar cos poucos recursos que temos ao maior número de persoas posible. En cambio ves outras asociacións con 24 nunha cea, e dende a Concellería valoran igual. E tampouco controlan o número de persoas que participan nas actividades que subvencionan. Nós temos que lle decir á xente que non, non facemos máis cousas porque non temos sitio, temos todo o espazo repartido toda a semana, así que estaríamos encantados de que controlasen”.
Como valorades as axudas de Participación Cidadá?
N.D.: “O noso local non é un ben público, o Concello nin nos paga alugueiro, nin luz, nin nada, pagámolo nós. As asociacións de veciños dependen de Participación Cidadá e todas pedimos subvención para realizar actividades. Normalmente tivemos das axudas máis altas, porque somos bastante máis activos, tamén nos buscamos a vida máis. O ano pasado déronnos 1.500 euros, pero este ano consideraron que merecíamos 1.000. E con eles fixemos numerosas actividades e sostivemos un magosto de máis de 600 persoas, con cinco monitores de tempo libre atendendo a 83 nenos, tivemos gaiteiros, etc. Facemos maravillas e enriba quítannos cartos. Cando organizas unha actividades tes que recurrir aos veciños, e aí a xente vólcase, senón sería imposible”.
Que actividades organizades?
N.D.: “Ademais do magosto, facemos cousas en Entroido. O sábado 6 de febreiro teremos unha cea- baile para os maiores, na que os veciños contribúen coa comida.
Para os nenos faremos actividades o luns 8 pola tarde, para que acudan acompañados dos seus avós, pais ou coidadores. Terán unha monitora para facer xogos, haberá merenda e festa.
Tamén facemos a cea do veciño, que se organiza por grupos e cada un trae algo de comida.
Nós recibimos só tres actividades subvencionadas polo Concello: risoterapia, memoria e ioga-pilates. Comezaron agora, pero esta vez cambiaron todos os monitores e reduciron as clases en 20 minutos, e os veciños están moi molestos.
En risoterapia levaban nove anos coa mesma monitora e agora estalles costando aceptar o cambio. En memoria levan tres anos e xa mudaron de profesor máis veces. E en ioga-pilates puxéronnos a clase ás 6 da tarde e a xente non está de acordo co horario porque hai quen traballa.
Así mesmo, a asociación organiza pola súa conta este ano talleres de conservas e elaboración de dulces artesanais.
Tamén colaboramos co centro de saúde, para a campaña de vacinación; coa Cruz Vermella e Xuventude que organizan actividades dúas veces por semana con 20 nenos por día; co Club Xadrez Ourense e coa Asociación da Palilleiras aos que lles cedemos espazos; e co Concello cedendo o local como colexio electoral nas eleccións.
Organizamos o Torneo de Aninovo de Xadrez, coa colaboración do Consello Municipal de Deportes, a Xunta e patrocinadores particulares entre os que destacan Caldaria e Pernod Ricard.
E temos unha coral, que se retomou fai tres meses e a xente está moi contenta; e a sala da asociación ábrese todos os días do ano, con prensa e xogos de mesa, e a porta está aberta a todo o mundo. Porque para iso son as actividades, para que o pasen ben, que se divirtan, que se relacionen e que saian da casa”.