O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou na súa visita ás instalacións de Hispamoldes en San Cibrao das Viñas que esta compañía é un exemplo de como a alta competitividade das empresas galegas está a ser clave para avanzar nos mercados exteriores.
Neste sentido, Conde destacou que a firma exporta o 70% da súa facturación a países como México, Austria, Alemaña, Francia ou Irán. Hispamoldes emprega a máis de 170 persoas en Galicia, e no 2015 facturou 30 millóns de euros, unha cifra que este ano espera superar en máis dun 10%.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou que a aposta pola innovación é imprescindible para incrementar a competitividade das empresas, sinalando que Hispamoldes ten contado neste eido coa colaboración da Consellería a través do programa Innterconecta. Este permitiulle participar xunto con outras empresas do sector e o CTAG nun novo desenvolvemento de perfís para estruturas interiores de vehículos, nun proxecto que suma 2,3 millóns de euros entre investimentos públicos e privados.
Hispamoldes sitúase como unha das máis importantes compañías de España de moldes e, tal e como lembrou Conde, é provedora dos principais fabricantes da automoción. O titular de Economía destacou a resposta deste sector á crise económica que “sigue crecendo en facturación, en exportacións e na creación de postos de traballo”, subliñou. Neste senso, lembrou que este sector creou en 2015 un milleiro de empregos.
Conde salientou, ademais, que a automoción lidera a implantación en Galicia da fábrica intelixente, pola que a Xunta aposta a través da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0, que permitirá reducir os custos e impulsar a racionalización dos produtos mediante a incorporación de novas tecnoloxías como a robotización, a sensorización ou o big data.
A Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0, coa que a Xunta aspira a reinventar a industria galega promovendo un modelo máis competitivo, ten entre os seus obxectivos que o sector creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos.
Por último, e, segundo indicou o conselleiro, esta folla de ruta está a impulsar en Galicia que “o sector industrial sexa máis intensivo desde o punto de vista tecnolóxico, máis innovador e máis competitivo para fixar tecido industrial na nosa Comunidade”.