A Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade a petición do título de Patrimonio Mundial da Humanidade para a Vía Nova de Ourense, vestixio da vía romana que atravesa o Val do Limia e que unía antigamente as cidades de Bracara Augusta e Astúrica Augusta.

“É para min un honor como portavoz de En Marea nesta primeira Comisión de Cultura para defender unha proposición non de lei que ten que ver coa miña terra, esa Galicia dos verdes frenéticos que van ata o mar tal e coma a veu un día Gabriel García Márquez”. Con este poético comezo arrancou a defensa o deputado Miguel Anxo Fernán Vello, portavoz da Comisión de Cultura.

A vía romana chegou a ser na Idade Media camiño xacobeo cun importante tránsito de peregrinos e forma parte da rede de Camiños Naturais do Ministerio de Medio Ambiente. Para En Marea o seguinte paso para garantir a súa protección é o recoñecemento como Patrimonio Mundial da Humanidade “por tratarse dunha fascinante paraxe que se manifesta nas súas fontes, miliarios, na importante igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, os cruceiros, os petos de ánimas, as pontes sobre os ríos e a súa biodiversidade, con zonas de humedais e especial protección de aves, fragas frondosas de ribeira e unha perfecta constelación ou sinfonía vexetal de carballos, freixos, ameneiros, salgueiros, bidueiras, castiñeiros… e a delicada presenza do Terciario, pura reliquia de planta arbórea que é o prunus lusitánica tamén coñecido como ceraso de Portugal.”

Os grupos do Congreso aprobaron por unanimidade a tramitación desta solicitude da declaración de Patrimonio Mundial da Humanidade para a Vía Nova de Ourense. Tratouse dunha proposición non de lei do grupo En Marea cuxo texto final foi pactado co Partido Popular.