A portavoz nacional, Ana Pontón, quixo aproveitar a visita institucional a Viana do Bolo para transmitir todo o apoio do BNG á equipa de goberno municipal, moi en particular ao rexedor Secundino Fernández, tras o “acoso” ao que foi sometido pola “política caciquil de sempre”, ao tempo que coñecía de primeira man as principais demandas do executivo local.
En concreto, a tamén deputada levará ao Parlamento a demanda de reforma estrutural da estrada OU-533 que cruza a vila, por tratarse dunha vía obsoleta, cun alto índice de sinistralidade e con un intenso tráfico pesado.
“Imos levar ao Parlamento a reclamación do Concello para que a Xunta aporte unha partida orzamentario suficiente para facer unha reforma estrutural da OU-533, no só para mellorar a comunicación senón tamén para salvar vidas, un aspecto fundamental”, avanzou a portavoz nacional e tamén deputada.
O rexedor explicou que a actuación prevista de arranxo do firme da estrada non soluciona un problema “que mesmo afecta á mobilidade da veciñanza, obrigada a cruzar a diario por unha travesía cunha gran densidade de tráfico pesado”.
A segunda gran prioridade exposta polo Goberno local está en relación coa mellora dos servizos sociais, en particular os programas de axuda á dependencia, – para os que se reclaman máis orzamentos-, tendo en conta o nivel de envellecemento da poboación deste concello do rural, ademais de reclamar e a dotación de prazas suficientes na escola infantil.
“Se realmente apostamos polo equilibrio territorial, hai que dotar de recursos aos programas que permitan atender ás persoas maiores e favorecer a conciliación familiar e laboral da xente moza que aposta por vivir en Viana do Bolo e que ten dereito a servizo de calidade”, explicaba Pontón, quen adiantou que tamén levará á Cámara as peticións do Concello en relación a dotación de fondos para servizos sociais e para garantir prazas suficientes para os nenos e nenas na galescola.
Pontón asegurou que o BNG vai apoiar desde o Parlamento as demandas do goberno local que lidera Fernández, pero que tamén secundan organizacións e colectivos sociais de Viana.
Escola infantil saturada
“Estamos nun Concello que precisa servizo sociais”, insistiu Fernández, tras indicar que a escola infantil está “saturada”, e demanda unha ampliación do número de prazas, -19 na actualidade-, “para poder dar servizo a todas as familias que o solicitan, porque de nade serve ofrecer axudas de cen euros para potenciar a natalidade no rural se despois non damos servizos aos pais e aos nenos”, argumentou.
Durante o percorrido pola vila coa portavoz nacional, Fernández trasladou o interese do grupo de Goberno na rehabilitación do centro histórico, – o cabo da vila-, para a recuperación do patrimonio arquitectónico e espazos públicos en beneficio da calidade de vida da veciñanza e, igualmente, como reclamo turístico para dinamizar a economía local.