O Goberno de España confirmoulle este venres ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que Ourense será a primeira provincia coa denominación de “Destino Turístico Intelixente”. Así llo certificou o presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), Antonio López de Ávila, quen, na reunión que mantivo con Baltar no Pazo Provincial, destacou “o labor de vangarda” que está levando a cabo a Deputación de Ourense coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, sinaladamente no ámbito do termalismo social e deportivo “que se traducen en promoción e competitividade para a provincia de Ourense”, afirmou López de Ávila.
O presidente de Segittur destacou o proxecto de “Provincia Intelixente” que está a impulsar Manuel Baltar, iniciativa que cualificou de “innovadora e moi relevante” para posicionar a un territorio como a provincia, remarcando a importancia do traballo de internacionalización que o presidente do goberno provincial está a desenvolver da “marca Ourense”, tanto no ámbito turístico, cultural, económico e empresarial, aplicando para elo a innovación na xestión e o uso das tecnoloxías.
De aí que Segittur, que ten como obxectivo desenvolver proxectos nos ámbitos da tecnoloxía, o emprendemento, a internacionalización, a innovación e o coñecemento aplicados a un sector tan dinámico e importante como o do Turismo, se fixase no traballo que está a realizar a Deputación de Ourense para certificar que o territorio ourensán será a primeira provincia co distintivo de “Destino Turístico Intelixente”.
López de Ávila confirmoulle tamén a Manuel Baltar que Ourense será, igualmente, a primeira provincia de España que se incorporará aos programas de “Turismo Senior de Europa” (Europe Senior Tourism), que xestiona o Goberno de España. Este programa de viaxes é unha iniciativa pioneira no ámbito internacional dirixida a persoas europeas de máis de 55 anos que queiran gozar dunhas vacacións compartindo experiencias. A oferta abrangue gastronomía, natureza, ocio e cultura e nela participan destinos e establecementos, pero nunca ata o de agora, unha provincia fora homologada para integrarse neste proxecto. Ourense será a primeira.
Outro dos temas que abordaron Manuel Baltar e López de Ávila foi a difusión e promoción dos datos turísticos da provincia de Ourense. A este respecto o presidente de Segittur confirmoulle a Baltar a incorporación e volcado dixital de todos estes datos no portal web www.spain.info, para que ocupen un lugar destacado nesta importante ferramenta de promoción turística de España. Na actualidade, a provincia de Ourense e as súas excelencias turísticas xa ocupan un espazo destacado na web de Telecinco (www.telecinco.es), unha das páxinas dixitais máis visitadas e que conta con maior número de seguidores, superando os 16 millóns de entradas mensuais.