O grupo municipal de Democracia Ourensana no Concello de Pereiro de Aguiar levará o próximo pleno unha moción sobre a mellora na seguridade viaria na rede de estradas do municipio.
Un dos puntos que, segundo DO, precisa unha mellora é o tramo comprendido dende a rotonda do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas ó Parque Empresarialde Pereiro de Aguiar. O trazado actualmente ten a limitación de velocidade de 80 km/h, “sendo unha velocidade moi elevada para unha zona na que existen dous xeriátricos, varios restaurantes, cruces, vivendas, etc”, polo que propoñen a súa redución a 60 km/h, así como “iluminar en condicións o trazado, xa que incluso hai xente que utiliza esa zona para pasear, ou acudir andando a visitar os familiares nos xeriátricos”.
Así mesmo, a rotonda que une as estradas OU-0536 e OU-0508 “encontrase sen ningún tipo de iluminación, ademáis as luces intermintentes que existían encontranse deterioradas, averiadas ou simplemente xa non as hai”, segundo denuncian. Polo que demandarán melloras na iluminación.
A Derrasa e colexio Ben-Cho-Shey
Pola súa banda, Democracia Orensana alerta de que na Derrasa a pesar de haber un límite de velocidade de 50 km/h moitos vehículos ignórano. “Por iso propoñemos instalar bandas reductoras na zona comercial da Derrasa, e incluso a posibilidade de reducir a velocidade a 30km/h para mellorar a seguridade de peatóns e condutores”.
Medidas similares piden para o cruce de acceso ao colexio Ben-Cho-Shey, “a instalación de bandas reductoras e baixar a velocidade na zona”.