“O Concello de Ourense traballa para a procura dunha cidade mellor e na que os nenos, nenas e adolescentes teñan maior protagonismo”. Con este obxectivo, e xunto aos cuestionarios de participación infantil e adulta dispoñibles para a realización da diagnose da realidade, o departamento de Asuntos Sociais quere estender o diálogo co resto da cidadanía, e convoca a asociacións, entidades e colectivos da cidade a unha xornada de traballo o vindeiro 30 de marzo no Centro Cívico da Ponte, e que servirá para completar dita diagnose e para a posta en común dos obxectivos que deben incluírse no documento do Plan de infancia e adolescencia.
O plan de infancia e adolescencia, incluído dentro dos parámetros que marca Unicef, abrangue áreas tan dispares coma o lecer, cultura e tempo libre; educación; igualdade; medio ambiente e urbanismo; saúde e actividade física; benestar social e familia; participación e cooperación. Polo tanto, o Concello fai un chamamento a colectivos e asociacións que traballen nestes ámbitos a anotarse na xornada.
Para facelo só teñen solicitar a inscrición a través do banner do plan de infancia e adolescencia na web www.ourense.gal e difundir a iniciativa entre os seus asociados e asociadas. Así mesmo, anima a recoller suxestións na conta de correo ourenseamigadainfancia@gmail.com. Infórmase que tamén están dispoñibles na páxina web municipal uns cuestionarios específicos para entidades e colectivos que traballan no ámbito da infancia e a adolescencia.
Foro aberto e plural
A xornada de traballo do vindeiro día 30 será un foro de participación aberto e plural, pensado para completar a diagnose da realidade e recoller novas propostas de actuación de todas aquelas entidades que queiran facer achegas.