A mobilidade é un dos temas nodais para Ourense en Común. Así foi que a constitución da Mesa Municipal da Mobilidade sería unha das primeiras resolucións plenarias que conseguirían aprobar co apoio do resto de organizacións políticas con representación na actual corporación municipal. Con todo, o discorrer da mesma e as diferentes actuacións do PP nesta área semellan afastar ao grupo municipalista da política emprendida polo actual equipo de goberno.
“Dende a constitución da Mesa da Mobilidade traballamos a reo para que ese foro colectivo, multivocal e non partidista, achegara a solución ao cancro estrutural que Ourense padece nesta materia. Dende o primeiro momento quixemos traballar en positivo pero a verdade que as últimas decisións tomadas por parte do Partido Popular fan que iso sexa cada día máis complicado», valoran nun comunicado.
No texto engaden que «un tráfico elevadísimo, contaminación, liñas de transporte público obsoletas sen acceso para persoas de mobilidade reducida, ausencia total e absoluta de promoción de medios de transporte alternativos, etc. son síntomas desa enfermidade da que a vaga de atropelos é consecuencia. Para superala é necesario tomar medidas nunha aposta estratéxica para mudar por completo a realidade da nosa cidade. Pero para iso hai que ter vontade.”
Porén, as decisións do grupo de goberno non solucionan o problema, segundo Ourense en Común, e manteñen nas súas palabras “a hexemonía do vehículo motorizado sobre os peóns”. Así, citan os casos do asfaltado do tramo final da rúa Bedoya ou as obras da rúa Francisco Llorens. «E agora tamén na mesma liña comeza a actuación na dúa Concello obviando que esta actuación novamente podería avanzar na pacificación do tráfico no centro ao ter tres vías de alta capacidade inmediatas que absorberán o seu impacto (Av. Habana, Rúa Progreso, Juan XXIII). Mantéñense as ramplas en lugar de apostar pola plataforma única e mantense a prioridade do vehículo sobre calquera outra fórmula de mobilidade alternativa.”
Por estes motivos desde a «marea» ourensá din sentirse «moi defraudados» pola política de infraestruturas adoptada polo Partido Popular e «por ignorar os mandatos da Mesa Municipal da Mobilidade.»