O Centro Cultural Ángel Valente, o Claustro de San Francisco e o Centro Cultural Marcos Valcárcel permanecerán abertos esta Semana Santa.
Xoves, venres e sábado abrirán nos horarios habituais deses espazos: 11 h a 13.30 h e de 18.30 h a 21.30 h para a Sala Valente, e de 11.30 h a 13.30 h e 17 h a 20 h no caso do Claustro de San Francisco. Os douss recintos tamén abrirán o domingo, en horario de mañá. O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense abrirá ao público todos os días festivos desta Semana Santa, en horario de tarde de 17:30 a 20:30 horas.
O Centro Cultural Ángel Valente acolle estes días a exposición «Contravento e Marea. Itinerarios converxentes (II)», unha escolla de 24 obras dos artistas Xurxo Oro Claro, Manuel Patinha, Paco Pestana e Silverio Rivas. Unha proposta itinerante, que se remonta a unha primeira exposición realizada en 1994. A mostra estará aberta ata o día 8 de maio.
Pola súa banda, no Marcos Valcárcel poderanse ver as tres exposicións que actualmente ten en cartel. Na planta baixa do edificio poderase visitar a mostra «Entre bastidores», da pintora de orixe arxentina María Rosa Caporale, que volta ás salas expositivas despois de tres lustros afastada delas para amosarnos un “traballo intimista, que alude aos recordos e á recuperación da pintura máis tradicional”.
Tamén nesa planta pódense ver as obras seleccionadas da mostra «150 anos de caricaturas médicas de España», promovida pola Academia Médico Cirúrxica de Ourense e que fai un percorrido por ilustres profesionais médicos do país caricaturizados por diferentes artistas ao longo da historia.
A terceira exposición que pode visitarse é a titulada «Senso Sublime», do artista Sergio Portela. Trátase dunha mostra na que este creador recolle parte dos seus traballos en pintura, fotografía, arquitectura e, especialmente, en escultura, con obras figurativas de especial carga simbólica e que combinan o clasicismo coa contemporaneidade. Senso, de sensualidade, e sublime, de espiritualidade, son os motivos que inspiran ao artista nesta mostra.
Horarios da Oficina Municipal de Turismo
Ademais, a Oficina Municipal de Turismo do Concello de Ourense, sita na rúa Isabel La Católica, baixo os Xardíns de Padre Feijóo, amplía os seus horarios de apertura para prestar a mellor atención posible durante estes días festivos. Así, durante os catro días: xoves, venres, sábado e domingo, abrirá non só en horario de mañá, como xa fai todos os días festivos, senón tamén polas tardes, de 17:009 a 19:00 horas.