A "marea" ourensá quere que se reoriente o investimento municipal á transformación do modelo de xestión de residuos.

Ourense en Común aposta polo selado dos contedores

Ourense en Común deixa clara a súa posición con respecto ao futuro dos colectores soterrados, o seu selado.

Sobre as diferentes alternativas presentadas, a máis barata defendida por Democracia Ourensana e sen garantías de seguridade, Ourense en Común apunta que non comparte “solucións intermedias sobre a posta en funcionamento dos colectores sen que estes cumpran a normativa en materia de seguridade e temos casos de accidentes laborais moi próximos que deberían facer repensar a todos os grupos esta defensa.” Por isto a organización municipalista só contempla dúas opcións: a restauración completa dos colectores adaptada ás normativas, máis cara, ou o selado definitivo.

“Temos só dúas opcións, restauralos ou selalos definitivamente. A restauración con todas as garantías en materia de seguridade tería un custo próximo ao millón e medio de euros segundo as diferentes auditorías encargadas pola corporación anterior e a presente. Así é que semella desproporcionado destinar tal cantidade ao medio e non ao fin en si mesmo que insistimos é o modelo de recollida do lixo. É por todo isto que dende Ourense en Común propoñemos que se imos a aprobar unha modificación de crédito nesta materia debemos reorientar o gasto cara mellorar o propio modelo. Avanzar na recollida selectiva con sistemas de recollida e retorno, porta a porta, poñer en uso a planta de compostaxe municipal, abandono progresivo de SOGAMA…”

Malia a todo o anterior Ourense en Común estaría disposto a avaliar tamén unha solución intermedia naquelas zonas que pola súa especial relevancia sexa interesante manter o soterrado dos colectores. Así afirman que “non temos porque adoptar posturas de máximos sobre a totalidade dos foxos. Pode ser interesante tamén estudar a viabilidade de manter este sistema naquelas zonas con maior impacto ou cunha especial sensibilidade como o centro histórico. Sexa como sexa instamos ao resto de grupos municipais a non perder de vista do que estamos falando. Estamos falando de lixo e do sistema de recollida do mesmo, os colectores por si non teñen valor ningún máis aló de ser a materialización dunha responsabilidade técnica e política aínda por depurar.”