A Copa Xunta de fútbol sala foi para o Ourense Envialia logo de vencer ao Cidade As Burgas por 3-2. Os dous equipos ourensáns disputaron unha final que encheu as bancadas dos Remedios.
En canto ao partido, o típico dunha final: pouco xogo, moita emoción. O Envialia quería madurar o encontro, mentres que o Cidade esperaba a súa oportunidade.
O técnico do Ourense Envialia, Chipi, buscou cansar ás rivais poñendo unha liña de presión moi arriba para cedéndolles o balón e asfixiando á saída do esférico. O fondo de armario permitíalle cambiar de xogadoras cada pouco para manter a intensidade ao longo dos minutos.
O adestrador do Cidade As Burgas, Manolo Codeso, buscaba chegar rapidamente a área rival.
Con estas chegaba o primeiro tanto, obra de Vanessa Sotelo, quen aproveitou un fallo da zaga rival. Antes do descanso, Sara Moreno -noutro erro defensivo- poñía o empate a un tanto co que se chegaría ao descanso.
Na segunda metade e co paso do tempo o Cidade mostraba síntomas de cansanzo, o feito de contar con dúas xogadoras de banco o empezou a padecer; pola contra o Envialia continuaba rotando ás xogadoras. Porén foi María Arias a que faría o 1-2 para o Cidade á saída dun córner. Pouco duroulle a ledicia ás franxiverdes. Outro córner, nesta ocasión na área contraria, o introducía Ana Lastra na súa propia porta para devolver as táboas ao electrónico. Un minutos despois, Rosángela -novamente de córner- dáballe a volta ao marcador (3-2).
O Cidade non baixaría os brazos e tentouno ata o último suspiro, pero a Copa xa tiña dono. O Ourense Envialia lograba un novo título da Copa Xunta; o Cidade terá que agardar outra ocasión.