A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Ourense, sita na rúa Isabel La Católica, baixo os Xardíns de Padre Feijóo, ven de rexistrar unha cifra récord de turistas atendidos durante a Semana Santa 2016.
Foron, en total, 1.532 turistas atendidos durante os 8 días comprendidos entre a fin de semana de Ramos e o Domingo de Pascua (19 e 27 de marzo), que supón a cifra máis alta en moitos anos, cun espectacular incremento, equivalente ao 69,09% fronte ao pasado ano 2015, cando se rexistraron 906 turistas. O crecemento resulta tamén espectacular se é comparado cos anos anteriores, nos que as cifras de turistas atendidos foi 966 (en 2014), 476 (2013), 746 (2012), 583 (2011) e 621 (2010).
O Concello de Ourense apostou este ano por aumentar os horarios de apertura da oficina municipal para prestar a mellor atención posible a veciños e visitantes da cidade durante estas datas.
Dos 1.532 turistas atendidos esta Semana Santa, 1.353 era a primeira vez que visitaban Ourense. A maior parte, 847, tiñan previsto permanecer na cidade durante un só día, 272 durante 2 días e 413 durante máis.
Por procedencia, foron 249 veciños e veciñas residentes en Galicia, 1.182 chegados doutras comunidades autónomas españolas e 101 extranxeiros (72 procedentes de Europa e 24 de América).
Ocupación hoteleira
Os hoteis da cidade acadaron cifras de ata o 100% de ocupación, segundo aos datos que os propios establecementos comunicaron á Concellería de Turismo.
Dos 19 hoteis consultados, 11 chegaron ao cheo total, e outros 4 case o acadaron: 2 rexistraron o 90% e outros 2 o 95%. Dos restantes, un quedou no 70%, 2 no 80% e 1 no 85%.