Dotado cun premio de 800 euros.

O Concello de Ourense convoca un concurso para a confección do cartel anunciador da festividade dos Maios 2016. Dotado cun premio por importe de 800 euros, pretende estimular a participación de creadores e deseñadores, veteranos ou noveis que desexen presentar as súas propostas para anunciar esta celebración emblemática do ciclo festivo ourensán. O Concello segue así o modelo aberto e participativo elixido para a selección dos carteis das festas tradicionais, como foi o caso do Entroido 2016, ao que se presentaran un total de 84 deseños.

Poderá concursar toda persoa física ou xurídica. Os traballos serán entregados no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Maios 2016” e debaixo un pseudónimo ou lema. O prazo será desde o 1 ata o 15 de abril. As bases poderanse consultar integramente nas webs do Concello de Ourense www.ourense.gal e da Concellería de Cultura www.ourensecultura.com.

Os carteis deberán de incluír o texto: “Maios, Festa de interese turístico”. Os orixinais deberán ser inéditos e se presentarán gravados en alta resolución en CD e impresos e pegados sobre cartón pluma de 50×70 cm. (vertical).

O cartel elixido será utilizado tamén como imaxe gráfica integrante dos anuncios na prensa escrita, carteis, mobiliario urbano publicitario, e outros elementos divulgativos que editará o Concello para promocionar o programa de actividades desta festa.

A persoa autora do cartel gañador do concurso terá a posibilidade de realizar as adaptacións aos diferentes formatos, sempre e cando acredite experiencia na realización de traballos similares e oferte ao Concello a súa execución a prezos de mercado.

O xurado valorará o conxunto de creatividades tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. O fallo farase público por comunicado oficial aos medios de comunicación e nas páxinas web do Concello e da Concellería de Cultura.