O espazo La Molinera iniciará “unha viaxe cara á sociedade do coñecemento” cunha dobre actividade o vindeiro venres 8 de abril. Logo dunha sesión de portas abertas, na que se poderá visitar a exposición ‘A evolución de La Molinera’, a xornada completarase coa intervención de tres reputados relatores, expertos en novas tecnoloxías, como son Elsa Punset, escritora e divulgadora, Javier González, director do Citilab -un centro de similares caracteríasticas ao de Ourense- en Cornellá, e do enxeñeiro ourensán Pablo González. “La Molinera é unha fábrica de coñecemento, e a clave está na participación”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación. Así, “o éxito de La Molinera estará nos cidadáns que veñan compartir o seu coñecemento, achegar ideas, trasladar suxestións e darlle vida a este recinto”.
A idea do actual goberno de Ourense para este recinto é o de convertelo nun referente nacional en novas tecnoloxías, as denominadas TICs. “En Ourense hai talento e con ese potencial debemos innovar, cooperar e producir”, afirmou o rexedor durante a intervención. A idea de abrir as portas á cidadanía (de 9:00 a 14:30 horas) é, neste sentido, unha aposta por amosar o potencial do centro, no que xa está instalada a aula CeMIT -o que supuxo un aforro anual de 31.000 euros para as arcas do Concello-, pero tamén de recepción de ideas.
Xa pola tarde, celebrarase a xornada “Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento”, na que tomarán a palabra tres persoeiros destacados nos seus respectivos ámbitos e con clara vocación didáctica: abrirá a xornada ás 18:00 horas Pablo González, enxeñeiro de Ourense que actualmente presta o seu talento para a multinacional de xoguetes LEGO; seguiralle, ás 19:00 horas, o director do Citilab Cornellá, Javier González, quen achegará unha visión sobre as potencialidades do centro; finalmente, pechará a xornada a televisiva Elsa Punset, principal referencias da fala hispana na aplicación da intelixencia emocional como ferramenta para o cambio positivo.
As actividades son gratuítas ata completar aforo, e para acudir só é necesario anotarse na web www.lamolinera.net ou no teléfono 988.374.523.