O libro «Os Kowa», do autor Xavier Queipo, a obra gañadora da XXXIV edición do premio de novela “Eduardo Blanco Amor”, que organiza a Deputación de Ourense, foi presentado no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do autor do libro, Xavier Queipo, e do director de edicións de Editorial Galaxia, Carlos Lema.
Manuel Baltar sinalou que esta obra “é froito dun traballo que, como destacou o xurado na acta de concesión do premio, fala do brillante oficio de Xavier Queipo nesta obra ‘Os Kowa’, que publica editorial Galaxia”.
A Deputación de Ourense foi a organizadora desta XXXIV edición do premio e nos próximos días, tal e como adiantou o seu presidente, terá lugar “unha reunión cos representantes dos concellos que nas anteriores edicións tamén levaron o peso organizativo deste certame para mostrarlles, como xa fixemos no acto de entrega do premio, e como xa reflectiu o xurado na acta correspondente, a dispoñibilidade total da Deputación de Ourense para seguir colaborando e organizando este premio porque entendemos que lembrar a Blanco Amor é unha homenaxe obrigada que temos que facer con distincións como esta, pois cunha obra de tanta calidade como a de Xavier Queipo honramos a ese xigante da literatura galega”, asegurou Manuel Baltar.
A obra «Os Kowa» “é unha novela de aventuras e tamén psicolóxica, na que o protagonista é un científico que xunto con outros colegas científicos de laboratorios de distintos lugares do mundo organizan unha serie de campamentos nos cursos altos dos afluentes do Amazonas para estudar cuestións propias dos biólogos. O protagonista vai obsesionado coa idea de atopar unha bolboreta da que non se coñece nada sobre a súa bioloxía, pero as FARC secuestran a todos seus colegas menos a el, e a partir de aí levará a cabo unha viaxe Amazonas abaixo e sufrirá distintas peripecias”, explicou o autor da novela, Xavier Queipo, falando do argumento da novela.
Xavier Queipo, natural de Padrón e residente en Bruxelas, é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega. Carlos Lema destacou durante a presentación que Xavier Queipo conta “cos tres grandes premios de narrativa do noso país: o premio García Barros (1996), o premio Xerais de Novela (2011), e agora o premio Eduardo Blanco Amor (2015)”.
Este certame contou cunha dotación económica de 12.000 euros, ademais de outorgarlle ao premiado, unha obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.