A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández Moreiras, visitaron as obras levadas a cabo neste concello ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público da Vicepresidencia.
Concretamente, trátase da rehabilitación do parque infantil de Santa Cruz de Rábade. A través desta liña de subvencións, na pasada convocatoria a Xunta investiu máis de 26.000 euros para mellorar este espazo de lecer para a infancia, o que supón o 75% do investimento total cifrado en 40.000 euros. O obra consistiu na instalación de novas unidades de xogos infantís homologadas nunha zona que dotouse con pavimento amortecedor de parque infantil; a instalación de mobiliario –bancos e papeleira- ; a creación dunha zona de areeiro e a rehabilitación do peche do recinto.
O alcalde de San Cibrao das Viñas xustificou a necesidade de executar estas obras esgrimindo que o antigo parque infantil presentaba unha serie de deficiencias que eran necesarias emendar para mellorar a súa funcionalidade e adaptala á normativa vixente.
Díaz Mouteira felicitou ao rexedor pola iniciativa e salientou a importancia destas pequenas actuacións que benefician directamente aos cidadáns e que contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida, e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Segundo palabras da delegada territorial, grazas á orde de infraestruturas, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos galegos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se presten servizos administrativos.