O Parque Tecnolóxico de Galicia súmase á celebración do 50 aniversario do Polígono de San Cibrao compartindo o seu stand na exposición “O Polígono nunca visto” con trece das súas empresas para que mostren os seus produtos e servizos máis innovadores. Novidosas gamas de superalimentos e prendas infantís, unha pulseira intelixente, un robot almacenador, dispositivos de enerxías renovables para o medio rural e ordenadores portátiles de alta tecnoloxía e baixo custo, ademais dun amplo abano de servizos innovadores, estarán o 1 e o 2 de abril ao dispor dos visitantes de Expourense.
No stand tamén se darán a coñecer os servizos de apoio a empresas da Axencia Galega de Innovación (Gain) e da Tecnópole, que ademais darán a coñecer o seu labor conxunto no eido da divulgación a través dun espectáculo científico.
A presenza de Tecnópole complétase coa participación de sete empresas máis que contarán con stands propios na exposición: Coasa, Laddes Works, Egatel, Aukor, Hispamoldes, Imgrafor e Coren.
A biotecnolóxica Glecex presentará a súa liña de superalimentos Berries&Friends, compostos vexetais en pó cun contido en nutrintes moi elevado, o que lles confire unhas propiedades saudables superiores, como a prevención de enfermidades. Elaborados a partir da froita aronia e da polpa de açaí e de baobab, poden mesturarse con zumes, auga, leite, iogur ou calquera outro alimento.
Co obxectivo de posicionarse moi pronto no mercado dos wearables, Brookesia presentará o seu prototipo de pulseira intelixente. A BrooBand será personalizable e permitirá levar no pulso todo o que temos no smartphone, á parte de intercambiar contactos con outros usuarios só cun aperto de mans, realizar pagamentos ou contar cun sistema de recoñecemento biométrico.
Robimat levará á exposición o seu robot paletizador Kuka, un autómata industrial capaz de organizar mercancías de ata 240 quilos sobre palés a unha velocidade de catro metros por segundo para a súa almacenaxe e transporte.
No eido das enerxías renovables, Gaélica Solar levará unha ampla mostra dos seus dispositivos especificamente deseñados para a contorna rural.
Tamén no eido da enerxía, Alvtek mostrará os seus servizos de enxeñería en materia de eficiencia enerxética en edificacións a través do illamento e do uso da xeotermia combinada para reducir o consumo.
Madera Plus, especializada no sector forestal, presentará a súa nova metodoloxía sónica para caracterizar a calidade da fibra da madeira e o seu sistema de rexistro da pegada de carbono.
Centrada no campo do comercio electrónico, a empresa Profocus expoñerá a través de múltiples casos de éxito as súas innovadoras técnicas para converter a fotografía na chave da venda por internet.
Serigrafiarte expoñerá a súa liña de produto máis novidosa no marco da súa estratexia de especialización para ir máis alá do convencional merchandising. A empresa, dedicada á impresión e a serigrafía, acaba de lanzar Pioshop, unha colección de roupa para bebés dirixida a consumidores que buscan prendas de alta calidade e produción limitada.
Primux terá a disposición dos visitantes os seus dous últimos produtos, deseñados no seu centro de I+D de Tecnópole e lanzados este mesmo ano: o Notebook 1401 –o primeiro portátil concibido integramente en España– e o Tour 1101 –un portátil que, grazas á súa pantalla táctil e xiratoria a 360º, se converte en tablet–.
O grupo Qualigal expoñerá os seus servizos de asesoramento a pemes e profesionais independentes no campo da seguridade alimentaria, complementados con servizos de formación e novas tecnoloxías a través das súas empresas Ingade e Amodo.
Pola súa banda, Agroamb mostrará a súa recoñecida tecnoloxía de procesamento e reciclaxe de residuos orgánicos como fertilizantes, así como os seus servizos agrícolas ou de loxística con colectores.
Xunto coas empresas, o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) explicará os seus servizos de soporte á innovación. Tamén presentará os seus servizos o Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Ourense, que conta con 16 niños nas súas instalacións en Tecnópole.