Solicitaron en numerosas ocasións copia do PXOM pero a petición non foi atendida.

A voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello de Nogueira de Ramuín, Antonia Álvarez, vén de denunciar que o goberno do PP na localidade, lle denega, de xeito reiterado, o acceso a documentación “de vital importancia” para o desenvolvemento do seu labor na oposición. O pasado 11 de marzo tivo lugar o pleno de aprobación inicial do PXOM do Concello e no día anterior, foi solicitada por parte do PSOE unha copia en CD do mencionado Plan de ordenación municipal. Pero o día 23 de marzo negáronlle o acceso, asegurando que o alcalde non asinara a orde de entrega.

Ante este despróposito e, tendo en conta que xa pasaran os 5 días preceptivos de silencio administrativo, a socialista reitera por escrito que quere acceso ás copias e, sobre todo, esixe a certificación do acto presunto para que a Secretaría do Concello certifique a denegación do acceso. “Tendo en conta que a documentación está preparada, é dereito inalienable do Grupo Municipal Socialista que se nos dean acceso inmediato a unha información tan importante como é a do plan urbanístico previsto para Nogueira de Ramuín”, insiste.

Pero o rexedor non lle facilitou o acceso por  medo a que unha información coma esa “ande ciscada por aí”, segundo palabras do popular José César Parente. Os socialistas califican de “indignante” a explicación do alcalde por varias razón., “amosa un nulo respecto polo labor de fiscalización e control que é obriga e dereito da oposición e ademais, acóllese a criterios baseados na súa opinión persoal, lonxe de toda lóxica ou adecuación a dereito”, reclaman. E lémbranlle ao grupo de goberno popular que “a lei indica que toda documentación que obre en mans dos servizos da corporación é de libre acceso para os representantes públicos da cidadanía”, e adiantan que acudirán a outras instancias se continúan coa mesma actitude.