A Fundación Otero Pedrayo celebrará todos os sábados deste mes de abril, ás 12 horas, no Liceo de Ourense unha actividade de conmemoración do pasamento do célebre escritor ourensán, nun ciclo de conferencias.
Abrirá as xornadas este sábado, día 2, o presidente da Real Academia Galega e presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, Xesús Alonso Montero, cunha intervención titulada «O inconmesurable escritor Ramón Otero Pedrayo: un caso singular nas letras europeas do século XX». Presentarao Víctor F. Freixanes, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
O próximo sábado 9, celebrarase unha ofrenda previa ás 11 horas no cemiterio de San Francisco, co acompañamento musical de Blanca Mosquera, Aldara Sánchez e Paula Varela. Despois, ás 12h, poderase escoitar no Liceo a conferencia de Otero Pedrayo «Ourense as súas terras e xentes», comentada por Afonso Vázquez Monxardín. Ao día seguinte, o domingo 10, haberá unha misa na honra de don Ramón na Capela do Santo Cristo da catedral de Ourense. Celebrará Serafín Marques Gil co acompañamento musical da Coral de Ruada.
O sábado 16 de abril, Laura Tato Fontaíña falará sobre «Ramón Otero Pedrayo e o cinema», introducida por Susana Reboreda Morillo, da Fundación Otero Pedrayo.
E o día 23, Carme Fernández Pérez-Sanjulián disertará sobre «Ramón Otero Pedrayo, narrativa e identidade», presentada por Andrés Mazaira, da Fundación. Ese mesmo día, último sábado do mes, Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, clausurará o ciclo de conferencias no Liceo.
A modo de epílogo, no mes de maio, Santiago Lamas e Alfonso Mato presentarán o texto De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, no Café El Cercano.