A 2ª edición da ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, celebrarase do día 10 ao 14 de maio, en diferentes lugares da provincia de Ourense, conxugando así a tradición dos enclaves que acollen os eventos coa modernidade dos temas que se expoñen. A presentación tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo.
O presidente do goberno provincial afirmou que a ICC Week “converte a Ourense nun auténtico plató de experiencias, creación e debate ao redor das vangardas creativas”, e engadiu que este evento “sitúa á nosa provincia como referente das últimas cuestións relacionadas coas disciplinas que abrangue o ámbito da creatividade”.
Baltar destacou que esta idea, que naceu o ano pasado, “converte a Ourense nunha localización con referencia histórica indubidable e con gran valor patrimonial para os debates de máxima actualidade no eido da innovación audiovisual, da man de relatores que protagonizan os cambios e as últimas tendencias”.
“A Deputación de Ourense pon en marcha un ano máis a ICC Week, que ocupa un espazo no territorio provincial marcando a axenda cultural dos concellos onde se celebra, sendo o acto máis importante no ámbito cultural neses municipios, que complementan o tradicional coa vangarda que ven a significar unha aposta polo futuro”, remarca Manuel Baltar.
A ICC Week 2016 será un punto de encontro para emprendedores e protagonistas creativos que atoparán na provincia de Ourense o marco perfecto para o co-working, a potenciación de negocios e apertura de novos mercados. Esta nova edición acollerá obradoiros, charlas, entrevistas e showcases, que vertebrarán un completo programa de actividades para poñer en valor a actividade económica dun sector clave na Europa do século XXI. A ICC Week é un acontecemento transversal na cultura e industria creativa: radio, cine, TV, música, apps e videoxogos. A programación para esta edición “contará cos mellores profesionais dos distintos ámbitos culturais”, asegurou Juan Rivas.
En canto ao programa previsto para o martes, 10 de maio, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” terá lugar a inauguración deste evento baixo o título “Turismo laranxa, creatividade e cultura para un novo concepto de turismo. O mércores, 11 de maio, pola mañá, no Mosteiro de San Salvador de Celanova, será a quenda para “A Industria da Música e os seus axentes. O futuro das discográficas, os eventos, a radio e a prensa musical na era dixital”, e pola tarde, abordarase o tema da “Creatividade e televisión o matrimonio perfecto. O futuro dos contidos e a TV”. O xoves, 12 de maio, pola mañá no Pazo de Vilamarín, realizaranse talleres de competencias creativas sobre crowfunding e design thinking.
Ese mesmo día pola tarde, en San Pedro de Rocas, tratarase “Os novos retos culturais e creativos en Galicia. Oportunidades do territorio, cultura e creatividade, ferramentas de xestión”. O venres, 13 de maio, en horario de mañá na Molinera, abordarase “A economía creativa e o futuro dos contidos. Tendencias tecnolóxicas” e, pola tarde no Teatro Principal da Deputación de Ourense, falarase da “Provincia Intelixente, a terra prometida. Tendencias tecnolóxicas 2016”, onde participará o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o editor xefe de Wired UK, David Rowan; e o director do proxecto educativo de bq, Alberto Valero.
A ICC Fest, o concerto do marco Ourense ICC Week 2016, terá lugar o sábado, 14 de maio, coa actuación do grupo Love of Lesbian, que como adiantou Juan Rivas “tivo un gran impacto a nivel autonómico. Xa se venderon máis de 1.500 entradas, e hai un aforo máximo de 3.000”. A ICC Kids terá lugar os días 13 e 14 de maio na Molinera, con talleres innovadores para nenos e nenas entre os 8 e os 15 anos.
Inscricións
Os interesados en participar poderán inscribirse nas actividades programadas na web da ICC Week. “As inscricións terán un custe moi accesible e similar ao do ano pasado”, afirma Manuel Araújo, quen engade que estes pases son de tres modalidades: a primeira, para asistir ás xornadas por un día, cuxo custe é de 10 euros, que inclúe un autobús con desprazamento desde Santiago de Compostela ata Ourense e un desconto do 35% en Renfe desde calquera localidade. A segunda modalidade inclúe autobús e xantar por 18 euros, e a terceira, é un bono de 30 euros, que inclúe os dous días de xornadas xunto co autobús e o xantar”.