A Deputación de Ourense entregou os III Premios “Estatuto de Autonomía para Galicia”, nesta ocasión baixo o lema “O Parlamento de Galicia, a nosa casa”, coincidindo coa conmemoración do 35º aniversario da norma institucional básica galega. No certame participaron estudantes de centros educativos da provincia de Ourense dos niveis de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial, nas modalidades de debuxo e redacción escolar. O acto, que se celebrou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, ademais de representantes políticos, sociais e institucionais de ámbito provincial, autonómico e estatal.
A Deputación de Ourense, que organiza por terceiro ano consecutivo este certame, é a única institución que rende homenaxe á norma institucional básica galega, “que nos define como nacionalidade histórica e nos deu un importante ámbito competencial”, expresou Manuel Baltar no seu discurso.
Pola súa banda, Miguel Santalices felicitou a Deputación de Ourense por levar a cabo esta iniciativa e dixo que a relevancia deste acto está nos seus protagonistas, “á poboación máis receptiva, os nenos e nenas, para que coñezan e valoren o noso Estatuto”.
O xurado desta terceira edición do concurso estivo presidido polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, sendo vicepresidente o deputado provincial, Manuel Doval, e vogais un deputado de cada un dos grupos políticos con representación no ente provincial.
O acto contou na súa parte musical coa participación do coro do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, que interpretou ao comezo o Himno de Galicia e ao remate o Himno Oficial da Provincia de Ourense, “Ourense no solpor”. O asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, condutor do acto, destacou que o xurado na súa acta fixo constar “a alta calidade dos traballos presentados ao concurso, e o importante número de obras na modalidade de redacción”.
Premiados
Os premiados na modalidade de debuxo en Educación Especial foron: o terceiro premio para Juan Manuel Fernández; o segundo premio para Manuel Ricardo Simball, e o primeiro premio para Leandro Manuel Ferreira, alumnos do Centro de Educación Especial “O Pino”. Na mesma modalidade de debuxo, en Educación Infantil, os premios foron: o segundo para Carlota Couso e o primeiro para Zoë Coetcee, ambas do Colexio Padre Feijóo-Zorelle, mentres que en Educación Primaria, na modalidade de debuxo, os premios foron: o terceiro para Adrián Garrido, o segundo para Diego Rodríguez, e o primeiro para Noa León, alumnos do Colexio Padre Feijóo-Zorelle.
Na modalidade de redacción en ensino Secundario Obrigatorio, o terceiro premio foi para Cristina Villaverde, o segundo para Yaskel Otero, e o primeiro para Silvia Araújo, do Colexio Sagrado Corazón, do Carballiño.
Todos os premiados foron obsequiados cun diploma, cunha colección de libros e material audiovisual.