A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense vén de ser distinguida co Premio “Excelentia a la Cultura” 2016, un galardón que recoñece a traxectoria e os proxectos culturais máis destacados no ámbito da música e da cultura. O acto de entrega do premio, que conta coa Raíña Dona Sofía como presidenta de honra, terá lugar o vindeiro 13 de abril no Auditorio Nacional de Madrid, e a el acudirá para recoller o premio o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen afirma que este recoñecemento “é a merecida homenaxe aos mellores embaixadores da cultura musical de Ourense e Galicia, que son as mozas e mozos que integran e integraron á Real Banda ao longo da súa historia e ao seu director, Xosé Lois Foxo”.
Baltar considera que a Real Banda de Gaitas “é o mellor exemplo de amor pola terra, pola defensa das tradicións e polo mantemento dunha cultura, a musical, da cal Ourense e Galicia teñen na gaita o seu singular e máximo expoñente universal”, e remarca que a iso debemos unir “o espírito emprendedor impulsado polo fundador da Real Banda, o seu director, Xosé Lois Foxo, un espírito que soubo transmitir aos centos de mozos que ao longo de trinta anos pasaron pola formación musical como gaiteiros ou percusionistas”.
A Real Banda de Gaitas recibe o premio “Excelentia a la Cultura” na categoría de Proxectos culturais, mentres que nos outros ámbitos os premiados son: a mezzosoprano Teresa Berganza (Traxectorias profesionais); o conservatorio “Rodolfo Halffter” (Proxectos educativos); o Teatro Real e Radio Clásica (Efemérides institucionais), e Abanca, BMW, Cofares e Chopard (Empresas comprometidas coa cultura).
A Fundación “Excelentia”, organizadora dos premios, desenvolve a súa actividade no campo da cultura e foi creada para contribuír á difusión do patrimonio lírico-musical e impulsar a creación e representación das artes musicais en todas as súa variedades.